Chegamos tarde, mais chegamos. Nova receita, hoxe de corte asiático e chea de orixinalidade. Ou iso nos pareceu a nós, canto menos.
Xa sabedes da nosa adoración (in crescendo) pola cociña asiática así que sempre andamos a recoller ideas dun lado e doutro para recrear. Pois ben, a combinación noodles+tofu é xa un clásico en diversos restaurantes thai. Mais desta volta pensamos en darlle unha voltiña a este alimento típico da alimentación vegana para lograr para el algo máis de rock&roll. E vaia se o logramos.
Hai moita xente á que non lle gusta o sabor do tofu comido só mais si o que lle outorga a moitos pratos. Pois ben, este, aínda que ten como fin desfacelo e mesturalo cos noodles, logra facerse divertido e saboroso mesmo así de primeiras. Ollo coa idea!