domingo, 21 de febreiro de 2021

Noodles con tofu crocante

Chegamos tarde, mais chegamos. Nova receita, hoxe de corte asiático e chea de orixinalidade. Ou iso nos pareceu a nós, canto menos. 

Xa sabedes da nosa adoración (in crescendo) pola cociña asiática así que sempre andamos a recoller ideas dun lado e doutro para recrear. Pois ben, a combinación noodles+tofu é xa un clásico en diversos restaurantes thai. Mais desta volta pensamos en darlle unha voltiña a este alimento típico da alimentación vegana para lograr para el algo máis de rock&roll. E vaia se o logramos. 

Hai moita xente á que non lle gusta o sabor do tofu comido só mais si o que lle outorga a moitos pratos. Pois ben, este, aínda que ten como fin desfacelo e mesturalo cos noodles, logra facerse divertido e saboroso mesmo así de primeiras. Ollo coa idea!




Noodles con tofu crocante


Ingredientes:

Para os noodles:
  • Noodles de arroz
  • 1 cullerada de pemento doce      
  • 1 cullerada de manteiga
  • Salsa de soia
  • Aceite de xirasol
  • Sésamo

Para o tofu: 
  • Tofu firme
  • 4-5 culleradas de salsa de soia
  • 1 culleriña de curry en po
  • 1 culleriña de comiño en po
  • Maizena
  • Pan relado
  • Aceite de xirasol

Utensilios: unha pota, unha tixola (ou un wok), unha táboa e un coitelo, varias cuncas. 



Elaboración: 


Para comezarmos, temos de secar moi ben o tofu e facemos o adobo. Mesturamos a sioa co curry e o comiño en po. 


Cortamos o tofu en barras e bañámolo na mestura anterior. Deixámolo 30-40 minutos.


Escoámolo ben e rebozámolo moi ben en maizena. 


De seguir, empoámolo con pan relado. Reservamos.

Cocemos os noodles segundo nos indiquen x fabricante e escoámolos ben. 

Botamos na tixola (ou wok) dúas culleradas de aceite de xirasol, a cullerada de pemento doce, a cullerada de manteiga e salsa de soia ao gusto e botamos os noodles. Mesturamos moi ben.

Por último, engadimos o sésamo. 

Mentres tanto, fritimos o tofu en aceite de xirasol. 

   

Servimos os noodles co tofu. 


E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste! Aínda que temos a intuición que vos encantará! Aperta forte, bolboreteir@s!


Ningún comentario:

Publicar un comentario