Bo día, bolboreteir@s. Cada vez falta menos para os días grandes do entroido aínda que gastronomicamente falando creo que está máis que comezado. Canto menos pola nosa casa na que xa levamos preparado todas as receitas tradicionais desta época. Con todo, tiñamos a espiña coas famosas flores, das que oíramos falar mais que nunca se fixeramos nin viramos pola zona. De feito, cremos que deben de ser máis tradicionais pola zona de Ourense.
Sexa como for, non iamos quedar sen probar semellante delicia. Procuramos unha tenda de ferraxes e fixémonos cun molde para as preparar, que ademais son ben curiosos. Non foi sinxelo, mais demos finalmente cun establecemento que si os tiñan, na rúa Concepción Arenal da Coruña.
E tocaba aprender practicando e así foi. Comezamos cun pouco de medo mais unha vez soltos, saían coma churros. Ben, coma flores, queriamos dicir.
Xa temos o corpus completo para un Entroido do máis doce así que... só falta meter as mans na masa e desfrutar! Imos alá!
Flores de Entroido
Ingredientes:
- 850 ml de leite
- 600 g de fariña
- 80 ml de anís
- 3 ovos
- 1 cullerada de azucre
- A reladura de 2 limóns