Amosando publicacións coa etiqueta doce de nata. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta doce de nata. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de abril de 2015

Bolboreteando con... Miro Villar

Canto desfrutamos da sección Bolboreteando con... e canto nos tardaba volvérvola a presentar. Até o de agora tiveramos a sorte de contar con dúas xenias escritoras coas que aprendimos a ollar a gastronomía dun outro modo. A nosa paixón filolóxica lévanos a desexarmos poder contar con figuras que admiramos da nosa literatura. E hoxe imos cun autor ten o don de facernos reler os seus poemas encontrando en cada volta un novo motivo de goce: Miro Villar. Antes de vos achegarmos uns breves datos biográficos, queremos darlle publicamente as grazas. Para nós resulta moi valioso que axentes fundamentais da nosa cultura se presten a colaborar con Bolboretas no bandullo e a falar un bocadiño de gastronomía e moito máis.
Foto cedida por Miro Villar
Un/unha entusiasma cun autor a partir dun primeiro libro co que ten a sensación de encontrar unha chave para un tesouro por descubrir. Para nós, esa chave dourada foi Equinoccio de primavera, aínda de vez en cando relida por nós e que nos presentou un universo poético provocador e atraente.
Miro Villar nace en Cee en 1965. A súa formación orientouse principalmente cara as letras xa que se licenciou en Filoloxía Galega e é Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Isto levouno a traballar desde xa hai anos como profesor de lingua e literatura galegas. A súa paixón pola literatura non só se reflicte no seu papel de poeta e narrador senón que destaca como crítico literario e tradutor con colaboracións en diferentes publicacións periódicas e con traballos tanto individuais como colectivos. Ademais foi membro do Comité de Redacción da revista Dorna e do Consello Editorial da colección de poesía "Ablativo Absoluto" de Edicións Xerais de Galicia.