Canto desfrutamos da sección Bolboreteando con... e canto nos tardaba volvérvola a presentar. Até o de agora tiveramos a sorte de contar con dúas xenias escritoras coas que aprendimos a ollar a gastronomía dun outro modo. A nosa paixón filolóxica lévanos a desexarmos poder contar con figuras que admiramos da nosa literatura. E hoxe imos cun autor ten o don de facernos reler os seus poemas encontrando en cada volta un novo motivo de goce: Miro Villar. Antes de vos achegarmos uns breves datos biográficos, queremos darlle publicamente as grazas. Para nós resulta moi valioso que axentes fundamentais da nosa cultura se presten a colaborar con Bolboretas no bandullo e a falar un bocadiño de gastronomía e moito máis.
 |
| Foto cedida por Miro Villar |
Un/unha entusiasma cun autor a partir dun primeiro libro co que ten a sensación de encontrar unha chave para un tesouro por descubrir. Para nós, esa chave dourada foi
Equinoccio de primavera, aínda de vez en cando relida por nós e que nos presentou un universo poético provocador e atraente.
Miro Villar nace en Cee en 1965. A súa formación orientouse principalmente cara as letras xa que se licenciou en Filoloxía Galega e é Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Isto levouno a traballar desde xa hai anos como profesor de lingua e literatura galegas. A súa paixón pola literatura non só se reflicte no seu papel de poeta e narrador senón que destaca como crítico literario e tradutor con colaboracións en diferentes publicacións periódicas e con traballos tanto individuais como colectivos. Ademais foi membro do Comité de Redacción da revista Dorna e do Consello Editorial da colección de poesía "Ablativo Absoluto" de Edicións Xerais de Galicia.