domingo, 27 de novembro de 2022

Crostata de Nutella

Bo día, amig@s!!! Como vai todo? Vaia ben ou mal, nós hoxe pretendemos adozarmos o día e ofrecervos unha idea moi chocolateira.

Neste verán, como xa vos contamos en máis dunha ocasión, estivemos na illa italiana de Sardegna, un paraíso en moitos aspectos e toda unha sorpresa a nivel gastronómico. Aínda que nós namoramos especialmente das pizzas, (posibelmente as mellores que nunca probamos, e xa estiveramos en Italia máis veces), chamounos a atención bastante unha lambetada que atopabamos con diversos recheos. A crostata na verdade é unha das sobremesas máis típicas nas casas italianas, unha especialidade de avoa que encontramos en diversas pasticceria. A verdade é que o máis habitual foi encontralas con marmelada de pexego xa que este froito era moi típico, especialmente na zona de Alghero. E esas... moi ben, mais a verdadeira xenialidade para nós está na combinación máis tradicional, co chocolate, concretamente coa Nutella. 

Como a maioría das crostate que atopabamos eran pequeniñas, viñemos co antollo dunha versión para fartar, unha señora crostata que preparamos con bo motivo, o aniversario da que escribe. O resultado foi o imaxinado, satisfacción máxima e capricho cumprido. Non podemos máis que avisarvos de que non babexedes no teclado. 



Crostata de Nutella



Ingredientes:


  • 500 g de Nutella
  • 500 g de fariña   
  • 135 g de azucre    
  • 135 g de aceite de oliva
  • 3 ovos
  • 1 culleriña de lévedo
  • Un chisco de sal






Utensilios: unha cunca grande, un batedor manual, papel vexetal, un rolete e un molde apto para o forno. Opcional: moldes para facer as galletas para decorar.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de bater o aceite, os ovos e o azucre. 



De seguir, engadimos a fariña, o lévedo e o sal. 


Amasamos até obter unha masa homoxénea. Estirámola sobre papel vexetal coa axuda dun rolete. Como veredes é unha masa moi fácil de traballar. 


Colocámola sobre o molde. 


Botamos a Nutella sobre a masa. E, coa masa sobrante, podemos facer unhas tiras e unhas figuriñas para decorala. Nós decicimos facer as estrelas. 


Enfornamos a 180º, co forno prequente, durante 10 minutos. Despois, tapamos con papel de aluminio e cociñamos 15 minutos máis. 
    
                                  

Agardamos que arrefríe un pouco e xa estaría lista para comer!



Nós fixémola para celebrar os meus 33 mais cremos que pode ser unha moi boa idea para as sobremesas de Nadal :).


Temos que dicir que a comcmos entre os 3 en varias tacadas así que a puidemos desfrutar e redesfrutar a conciencia porque é das que pesan e enchen. Para as que hai que deixar un oquiño si ou si :-) Aperta forte, amig@s!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario