mércores, 14 de decembro de 2022

Árbore natalicia para petiscar

Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Como foi a ponte? Como sabedes estamos nunha época de xuntanzas, tanto coa familia, amizades, compañeirxs de traballo… e esta é unha receita ideal para empezarmos un destes xantares 🥰❣️ 
Pode parecer cedo mais de seguro que moitas familias xa estades pensando na elaboración do menú de Nadal. Hai pratos que non adoitan fallar e que xa supoñen tradicións da casa mais nós pensamos que moitas vees hai dúbidas para os petiscos que dan entrada ao xantar ou cea polo que queriamos traervos unha idea moi simple mais que seguro lucirá xenial nas vosas mesas. Imos botar man das masas que tanto nos gustan para crear unha árbore a compartir polos comensais :-)




Árbore natalicia 



Ingredientes:

Para a masa:

  • 200 g de fariña de forza 
  • 200 g de fariña integral             
  • 400 ml de auga 
  • 50 ml de aceite 
  • 1 sobre de lévedo de panadaría 
  • Un chisco de sal 

Para o recheo:
  • Salsa de tomate caseira:
    • 1 dente de allo
    • 1/2 cebola
    • 4 tomates pequenos
    • Aceite de oliva
    • Sal
  • Queixo ao gusto 
  • Chourizo 

Utensilios: unha cunca e unha espátula (ou unha amasadora), unha bandexa de forno cuberta con papel vexetal, unha táboa e un coitelo e as mans. 



Elaboración: 


Para comezarmos, o primeiro que debemos facer é a masa dos boliños para que poida repousar e subir. Para iso, mesturamos todos os ingredientes até que estean integrados, tapamos e deixamos repousar 1h30- 2 horas. 


                                                         

Mentres tanto, facemos a salsa de tomate. Rustrimos a cebola xunto co dentes de allo en dúas culleradas de aceite. Aí vedes pirixel porque sempre temos no frigorífico allo con pirixel e aceite para ter adobo para adiantar á hora de cociñar, mais non é necesario. 


Cando empezen a cambiar de cor, agregamos os tomates picados e cociñamos 30-35 minutos a lume medio-baixo.


Por último, trituramos a salsa e xa a temos lista para calquera preparación.


Para montar os boliños, temos que coller unha porción de masa, botámoslle un pouco de salsa de tomate e o recheo escollido. Nós fixemos un variado: algúns de queixos, outros de chourizo, outros de queixo e chourizo...











E imos colocando os boliños para darlle forma de árbore. Pintamos con aceite. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 15-20 minutos. 



Este é un petisco moi vistosa e saborosa! De feito, podedes xogar cos ingredientes do recheo e escoller os que máis vos gusten (só queixo, salmón, pesto, baco, verduras…). De todas formas, esperamos que vos guste e que a poñades en práctica durante estas festas :)


Xa vedes que non ten dificultade ningunha. Se tedes peques vailles encantar segurísimo. E aos maiores... tamén, claro! Xa nos contaredes que ideas se vos ocorren de recheo para polas nós tamén en práctica. Forte aperta, bolboreteir@s!



Ningún comentario:

Publicar un comentario