mércores, 6 de abril de 2022

Muffins de arandos e chocolate branco

Bo día, bolboreteirxs, como vai todo? Nós estamos un pouco máis desaparecidos porque estamos compartindo receitas na nosa conta de Instagram. 
Hoxe tráemosvos uns deliciosos MUFFINS DE ARANDO E CHOCOLATE. En moitas ocasións pensamos que as madalenas e os muffins son exactamente iguais e non é así. Os muffins adoitan ter unha cantidade maior de manteiga e algo menos de lévedo, polo que son masas máis pesadas e suben menos no forno, por iso podemos botar máis cantidade de masa nas cápsulas. Ademais, as cápsulas que se utilizan para o seu enfornamos tamén son diferentes. As dos muffins son máis altas, aínda que desta volta usamos as das madalenas porque eran as que tiñamos 😇. 
De todas formas, estes muffins son deliciosos, para facérmolos unha e outra vez.


Muffins de arandos e chocolate branco



Ingredientes:


  • 300 g de fariña
  • 225 g de manteiga derretida 
  • 225 g de azucre 
  • 200 ml de leite
  • 2 sobres de lévedo El tigre
  • 3 ovos
  • 2 culleradas de vainilla
  • Un chisco de sal
  • Arandos
  • Chocolate branco




Elaboración:


Para comezarmos, mesturamos os ingredientes secos: a fariña, o azucre, o lévedo e o sal. Reservamos.



Noutra cunca, os húmidos: os ovos, o leite, a vainilla e a manteiga.



Botamos, pouco a pouco, os ingredientes húmidos sobre os ingredientes secos. Removemos moi ben até que estean totalmente integrados.



Engadimos o chocolate branco, troceado, e os arandos.



Repartimos a mesturas nos moldes para madalenas. Reenchemos até case o bordo. Enfornamos a 180°, calor arriba e abaixo, durante 22 minutos.






Deixamos arrefríar.


E xa estarían listos para comer!




Teñen boa pinta, on si? A verdade é que quedan absolutamente deliciosas, e son adictivos, quedades avisadxs 😉🧁🥰❣️
Lémonos pronto, bolboreteirxs❣️






1 comentario:

  1. Ai, qué ben que volvéchedes! Os que non temos instagram xa andabamos preocupados por vos!

    ResponderEliminar