domingo, 13 de febreiro de 2022

Champiñóns lacados

Bo día, bolboreteir@s!! Aquí estamos coa barriga cheíña que acabamos de almorzar unha ducia de roscas de Entroido polo menos. Estase achegando a época do ano máis saborosa para nós e isto é un non parar. Porén, non todo ha de ser filloas, roscas e lacón así que tentamos combinar con pratos máis lixeiros como este que hoxe vos presentamos aquí. Uns champiñóns lacados cos que nos beneficiamos da boa recepción deste alimento para todo tipo de especias e aromas, logrando empapalos así de moito sabor. 
Os champiñóns son deses produtos que sempre están no noso frigorífico porque nos renden para múltiplos pratos. Certo é tamén que sos poden chegar a resultar repetitivos mais aí entra en xogo unha receita como esta.




Champiñóns lacados


Ingredientes:

  • 400 g de champiñóns
  • 2-3 dentes de allo
  • Perexil                                                     
  • 3 culleradas de aceite, mais 2 para a tixola
  • 3 culleradas de vinagre de módena                  
  • 2 culleradas de mel

Utensilios: unha tixola, un prato, unha táboa e un coitelo.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de limpar moi ben os champiñóns. Despois, rustrímolos en dúas culleradas de aceite durante 5 minutos. 



Pasado ese tempo, engadimos o allo e o perexil, ben picadiños. 


Cando comecen a dourarse, baixamos o lume e tapamos. Cociñamos 10-12 minutos. Se os vosos son peques, reducide o tempo. 

   


Mentres tanto, facemos a salsa, mesturando o aceite, o vinagre e o mel.


E cando aos champiñóns lles falten 2-3 minutos, engadimos a salsa e mesturamos moi ben. 



Servimos e picámoslle máis perexil. 


E xa estarían listos para comer! 


Ollade aí que boa apariencia. Pois mellor sabor. Sabemos que os champiñóns son deses produtos que os amas ou os odias. Para os primeiros, isto vai ser pura fantasía!! Aperta forte, bolboreteir@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario