domingo, 6 de febreiro de 2022

Pan de xamón

Boa tarde, bolboreteir@s!! Como vai todo? Por aquí traemos hoxe un clásico dunha gastronomía que podería parecer moi distante por xeografía mais que na realidade non o é tanto por historia social. Estamos a falar dun clásico venezolano como o pan de xamón que a verdade non coñeciamos hai uns anos e que hoxe en día estaba na nosa lista de desexos. O motivo? Pois as amizades, principalmente, e máis tendo en conta a presenza deste prato nos menús natalicios daquelas familias procedentes de Venezuela.

O pan de xamón ten sido motivo de moitos debates canto á orixe, procurando bases ben lonxes no tempo mais carecendo a maior parte das explicacións de documentación e rigor histórico. A que máis consenso crea é a dunha creación esporádica a principios do século XX por parte dunha panadaría do país. Levaba unicamente xamón nun primeiro momento mais progresivamente outras panadarías foron achegando outros ingredientes como as pasas ou as olivas. Esa panadaría vendía con máis éxito ese produto na xornada do 24 de decembro polo que se foi asociando co tempo a estas ceas concretas. Aquí vai o noso:



Pan de xamón


Ingredientes:

Para a masa:

  • 500 g de fariña
  • 200 ml de leite
  • 200 ml de auga
  • 50 g de manteiga en pomada                   
  • 25 g de azucre
  • 7 g de lévedo seco de panadaría
  • 5 g de sal
  • 2 ovos
  • Aceite

Para o recheo:
  • Xamón cocido
  • Tiras de bacon
  • Olivas recheas de pemento

Utensilios: unha cunca e un vaso, un batedor eléctrico (ou manual), unha espátula, un rolete, unha bandexa de forno e papel vexetal. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de botar na auga, tibia, o lévedo e o azucre. Mesturamos ben e deixamos que repouse 5 minutos. 


Nunha cunca máis grande botamos a fariña, o lévedo diluído en auga, o leite, un ovo batido e o sal. 


Mesturamos moi ben até que se integren todos os ingredientes.



De seguir, engadimos a manteiga a temperatura ambiente. 


Seguimos batendo até que se integren ben todos os ingredientes. 


Engrasamos o molde con aceite, tapamos e deixamos repousar un par de horas. 


Pasado ese tempo, estiramos a masa, dámoslle forma rectangular. 


Nun dos bordos, facemos unha fila coas olivas, deixamos uns 2 cm de marxe para tapalas despois. 


Cubrimos o resto da masa co xamón cocido. Debemos deixar, no lado contrario das olivas, unha marxe de 10 cm, aproximadamente. 


E tamén co bacon. 


Cubrimos moi ben as olivas. 


E comezamos a enrolar. 


A marxe de 10 cm que deixáramos, facemos uns cortes para rematar así o noso rolo. Simplemente é decorativo mais dálle un toque máis especial. 


Picamos a masa cun garfo e pintamos co outro ovo. Os boliños que vedes atrás, é de masa que nos sobrou, recheos de salchichas e queixo ;).


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 30-35 minutos. 


Deixamos repousar uns minutos. 


E xa estaría listo para comer! 



Agardamos que vos guste e que poñades esta receita en práctica. Veredes que é un prato que rende moi ben e que nos dá para unhas cea ben orixinal. Aperta, amig@s!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario