sábado, 29 de xaneiro de 2022

Arroz negro de lagostinos

Bo día, bolboreteir@s!! Como estamos? Agardamos que resistindo e levando con optimismo este 2022. E para tal optimismo traemos unha receita das que namoran, ou canto menos a nós que somos fans absolutos do arroz negro. 

Este prato xa é un clásico para nós que adoitamos pedir nas diferentes arrocerías que hai na Coruña, sendo a cada cal, mellor. Porén, é certo que como non temos unha grande experiencia en paellas, nunca nos atreveramos a o realizar na casa. E aproveitando o confinamento co que comezamos o ano, chegou a hora. Houbo algún erro de principiante, tamén por non saír mercar algún produto máis axeitado como o arroz en si pero a verdade é que o resultado foi un prato ben saboroso.

Témolo que seguir traballando tanto para nós como para os xantares cos amigos pois para eles tamén é prato simbólico. Todo deriva dunha fantástica viaxe realizada a Barcelona hai uns anos onde degustamos, en grupo, un arroz negro... memorábel! Mais xa sabedes que no Mediterráneo teñen don para isto. Nós entretanto imos aprendendo pouco a pouco.


Arroz negro de lagostinos 


Ingredientes: 

  • 800 ml de fumé de lagostinos, proximamente ;)
  • 300 g de arroz
  • 250-300 g de lagostinos          
  • 200 ml de viño branco       
  • 1 cebola                                  
  • 1 pemento verde 
  • 1 tomate 
  • 2-3 dentes de allo
  • 2-3 sobres de tinta de luras
  • 1/2 vaso de auga
  • Maionesa allada
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha paelleira ou unha pota baixa, unha táboa e un coitelo, unha culler, un batedor e un vaso.


Elaboración: 


Para comezarmos, temos de rustrir a cebola e o pemento, ben picadillo en dúas culleradas de aceite. 


Cando empezen a dourarse, engadimos o allo, tamén ben picado.


A continuación, agregamos os lagostinos.


E o tomate. Cociñamos 4-5 minutos.


E retiramos os lagostinos. Diluímos os sobres de tinta nun chisco de auga e botámolo ao rustrido. Tamén agregamos o viño branco. Deixamos que ferva un par de minutos. 



Botamos o arroz e remexemos moi ben. 


Agregamos a metade do caldo e cociñamos a lume medio durante 10 minutos.


Pasado ese tempo, botamos o resto do caldo e cociñamos 6-7 minutos máis. 


Cando falten 2 minutos, colocamos os lagostinos. 


Cando acabe o tempo, tapamos e deixamos repousar 5 minutos. 



Botamos unha pouca de maionesa e xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que o poñades en práctica. 


Atractivo quedou e saboroso, tamén! Non chegamos ao 10 aínda pero todo se andará. Non fará falta outro confinamento para nos volver atrever, desde logo. E irémosvos informando da evolución, por suposto. Forte aperta, bolboreteir@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario