xoves, 23 de decembro de 2021

Coroa de pesto e espinacas

23 de Nadal, nada máis, nada menos. Aquí todos agardando a chegada do Apalpador e demais figuras natalicias que desexen facer parada na casa, andamos a configurar menús e ideas varias das que sacar partido nestas semanas de papatoria constante, xuntanzas e laretas.

Hoxe presentamos un aperitivo orixinal, que loce moi ben e que pode equilibrar ben o noso menú, dando entrada a pratos máis contundentes. Como vedes xa no título, os protagonistas aquí son máis lixeiros do que podemos esperar para unha xornada coma de Nadal ou Fin de Ano mais a verdade é que se agradece tendo en conta a copiosidade destes xantares ou ceas. 

Nós démoslle proba antes, claro, e pasou o test con nota polo que ha de entrar nos pratos seleccionados para a Noiteboa. E cremos que a algún ou algunha de vós tamén lle pode dar moito beneficio. Imos ver que opinades!


Coroa de pesto de espinacas



Ingredientes:

Para a masa:
  • 280 g de fariña
  • 180 ml de leite
  • 30 g de manteiga
  • 1 sóbre de lévedo de panadaría
  • 1 xema
  • 5 g de azucre          
  • Un chisco de sal

Para o recheo:

  • Pementos de cores
  • Queixo 
  • 50 g de espinacas
  • 30 g de noces
  • 30 g de parmesano
  • 30 ml de aceite de oliva virxe extra
  • 15 ml de zume de limón
  • 1 dente de allo
  • 1 clara de ovo
Utensilios: dúas cuncas, unha espátula, unha batedora eléctrica, unha táboa e un coitelo, papel vexetal e unha bandexa apta para o forno. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar o lévedo e o azucre. 


Agregamos 60 ml do leite. Mesturamos ben e deixamos repousar uns minutos.


Mentres tanto, botamos a fariña, o resto do leite, o sal, a xema e a manteiga derretida. 


Agregamos tamén, a mestura do lévedo e mesturamos moi ben até obter unha masa homoxénea. Poñémola nunha cunca engrasada e deixamos repousar até que duplique o tamaño, aproximadamente 1 hora. 


Mentres, facemos o pesto. Para iso, mesturamos as espinacas, as noces, o queixo parmesano, o aceite, o limón e o dente de allo. Trituramos moi ben. Reservamos.



Pasado o tempo de fermentado, estiramos a masa de forma rectangular. 


Cando estea lista, estendemos unha capa de pesto. 



Colocamos un pouco de queixo e dadiños de pementos. Se usamos diferentes cores, será máis vistoso. 


Enrolamos.


Facemos un corte ao medio para termos dúas separacións e trenzamos. 


Colocámola en forma de círculo. Pintámola con clara de ovo. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30-35 minutos. Retiramos do forno, desmoldamos. 



E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica. Aquí pouco durou e iso que a papamos entre dous, imaxinade o resultado. Ademais, aguántavos moi ben para outro día. Unha forte aperta, bolboreteir@s e pasade un moi bo Nadal!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario