domingo, 12 de setembro de 2021

Pizza saudábel (masa con só 2 ingredientes)

Ola, ola!!! Despois dos exitosos vasiños de crema de cacahuete e chocolate do outro día, abrimos agora unha nova xeira de receitas saudábeis. A verdade é que o verán foi unha acumulación de excesos gastronómicos derivados das experiencias e as viaxes así que agora que vai dar comezo o novo curso xa vai sendo hora de reaxustar un pouco. 

Pois ben, a pesar de que ao principio había nesta casa quen tiña dúbidas sobre a presenza do iogur na masa dunha pizza, finalmente tivo que renderse ante a evidencia pois logramos crear unha base con sabor e boa textura (isto é clave unha vez eliminas produtos claves como a auga ou o trigo). O recheo xa sabedes, ten mil e unha opcións e nós optamos desta volta por seguir a liña saudábel da base e dar todo o protagonismo ás verduras. Pois vaia pizza, vaia pizza!!!

A idea recollémola do Instagram de Ohmamiblue e que ben que foi descubrila. Ademais, andabamos xa con moitas ganas de cociñar algo con espelta, que adoramos e agora había tempo que tiñamos aparcada na alacena. A amasar e ao forno con ela! 




Pizza saudábel (masa con só 2 ingredientes)


Ingredientes:

Para a masa:
  • 300 g de fariña de espelta    
  • 300 g de iogur natural
  • Sal (opcional)

Para o recheo:
  • Queixo mozzarella
  • Queixo de cabra
  • Lascas de tomate
  • Champiñóns
  • Espárragos
  • Cebola 
  • Espinacas

Utensilios: unha cunca grande, bandexa de forno, papel vexetal e un rolete, unha táboa e un coitelo. 

Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a masa. Para iso, mesturamos a fariña co iogur, e o sal, se utilizades. 



Temos que conseguir unha masa homoxénea. 


De seguir, estiramos sobre papel vexetal. 


Picamos a masa e enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 6-7 minutos. 


De seguir, botamos os ingredientes. O tomate e a cebola en lascas. Tamén a mozzarella. 


Agregamos as espinacas, os champis e os espárragos. 


E o queixo de cabra. 


Enfornamos 20 minutos máis e xa estaría lista para comer! 


Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica. Tédea en conta como unha opción ben interesante para dar cabida nun só prato a múltiplas propiedades e recursos alimenticios: espelta, queixo, champiñóns... E o que sempre dicimos, o máis importante, deliciosa! Aperta forte :-)



1 comentario:

  1. Bos días!
    Vaia pintaza🤤, Unha pregunta, poderiase utilizar iogur de soya en vez de iogur de leite de vaca?
    Moitas grazas!

    ResponderEliminar