domingo, 28 de febreiro de 2021

Polo ao limón (estilo chinés)

Bolboreteir@s! Aquí andamos unha semana máis con ganas de metervos fame e darvos ideas para matar a mesma. 

Esta fin de semana, aproveitamos para pasear moitísimo porque estamos a ter uns días tremendamente solleiros. Aínda queda para a primavera e xa non digamos para o verán mais canta enerxía dan estas xornadas. Nós, é que logo nos emocionamos tamén, haha. 

Ben, pois, hoxe viaxamos unha vez máis (cada vez está a ser máis frecuente), até Asia. Aínda que é certo que este prato se ten consumido en diferentes países do mundo, popularizouse en Hong Kong e na China, sendo habitual encontralo en diferentes restaurantes destes territorios.

Aínda que soa a combinación estraña, acaba por namorar ese sabor agridoce tan característica desta gastronomía. Adiante!



Polo ao limón (estilo chinés)


Ingredientes: 

  • Peituga de polo
  • 2 dentes de allo
  • 30 ml de soia
  • Xenxibre       
  • 1 ovo
  • Maizena
Para a salsa:
  • 200 ml de auga
  • 1 cullerada de azucre
  • 1 cullerada de mel
  • 1 cullerada de soia
  • 2 culleradas de maizena 
  • Reladura de limón
  • Un chisco de sal
Utensilios: unha tixola (wok), unha cunca, unha táboa e un coitelo.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de cortar a peituga en anacos. E botámolle a soia, o ovo, os dentes de allo picadiñados e e xenxibre ao gusto. Mesturamos ben e deixamos repousar 2 horas. 


De seguir, retiramos o polo e empoámolo coa fariña de millo. 


Rustrímolo en aceite de xirasol.


Reservamos.


Agora toca facer a salsa. Mesturamos a auga, a maizena, o azucre, o mel, a reladura do limón e o sal. 



Levamos ao lume uns minutos para que reduza e espese un pouco. 


Engadimos a cullerada de soia e remexemos moi ben.


Botamos a salsa sobre o polo e xa estaría listo par comer! 


Literalmente, acabaredes lambendo os dedos. Para o noso punto de vista é fundamental contar con moitas ideas para cociñar o polo pois é dos alimentos máis mercados e habitual nas casas así que, xa sabedes, tomade nota dela. Aperta forte, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario