domingo, 6 de decembro de 2020

Torta Reno

Publicamos tarde mais chegamos noutra fin de semana. Ben, agora si que si, para nós xa é tempada de luces, doces, árbore e respostaría de Nadal. A pesar de que é un ano ben complexo, tiñamos moitas ganas desta época para desconectar un pouquiño da dinámica de todo o ano e celebrar que van vir tempos mellores. E nós para celebrar facémolo como mellor se nos dá: papando e creando novas receitas.

A de hoxe vaivos gustar moitísimo! Especialmente aos máis chocolateir@s da casa. Traemos unha torta que xa entra polos ollos mais sorprende máis o padal pola súa intensidade e dozura. Unha sobremesa daquelas ás que non podemos chegar fartos senón que merecen un oco especial no menú e no noso bandullo. Imos por ela!




Torta Reno


Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 370 g de fariña
  • 350 g de azucre
  • 300 g de manteiga
  • 250 g de chocolate con leite
  • 250 g de iogur grego
  • 6 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 cullerada de vainilla
  • Un chisco de sal
Para o recheo e a decoración:
  • 750 ml de nata
  • 750 ml de chocolate con leite
  • 75 g de chocolate negro para os cornos
  • 30 g de chocolate branco para os ollos e a boca
  • Un chisco de colorante vermello

Utensilios: varias cuncas e culleres, unha manga e un bico, un batedor eléctrico e un molde apto para o forno (20 cm). 



Elaboración:


Para comezarmos, temos de bater o azucre coa manteiga. 


Botamos a vainilla e o sal. 


Agregamos os ovos, un a un. 


Botamos a fariña mesturada co lévedo. 


E, por último, o chocolate derretido. 


E o iogur. 


Botamos a mestura no molde e enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 50-55 minutos. 


Reservamos.


Mentres arrefría. Quentamos a nata. 


Cando empece a ferver, apagamos e botamos o chocolate. Reservamos até que arrefríe completamente. Metemos no frigorífico un par de horas. 



Pasado ese tempo, montamos coas varillas a nosa crema e reservamos. 


Preparamos o biscoito. Cortamos a parte de arriba para igualalo e cortamos o biscoito ao medio. Reenchemos cunha boa capa de crema. 


Tapamos coa outra metade e cubrimos todo o biscoito cunha fina capa de crema, a capa cubremigas. Botamos o resto da crema nunha manga cun bico e facemos os debuxos que máis nos gusten. Reservamos no frigorífico. 


Para a caracterización do reno, debuxamos nun papel vexetal os ollos e os cornos. 


Derretemos o chocolate, dámoslle a volta á folla e cubrimos os debuxos co chocolate. Os cornos e uns pequenos círculos con chocolate negro, e uns círculos máis grandes con chocolate branco. Para os cornos, poñemos na base uns pauíños para que aguanten na torta. 


Tinguimos un chisco de chocolate branco co colorante para facer o nariz. Refrixeramos até que solidifiquen


E colocamos na torta.


E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste. Non teñades pena en desfacela, a repostaría é así. Hai que gozar creando e "descreando", haha. Ímonos lendo, amig@s! Aperta forte!

1 comentario: