Boa tarde, bolboreteir@s! Que tal todo? Imaxino que xa con ganas de que cheguen os días de Nadal para darvos unhas boas homenaxes gastronómicas. Xuntar non nos xuntaremos mais papar habemos de papar ben.
Ben, pois alén dos pratos clásicos, mariscos e demais, nós queremos traervos algunha idea diferente, para aqueles que gusten das probas e os experimentos culinarios. Este ano, como non imos ter tantos comensais, talvez sexa o momento de facer un menú totalmente ao noso gusto.
Pois presentámosvos unha coroa na que destacan as verduras e que poden supor un entrante ben lixeiro antes dos atracóns que nos daremos. Nós probámolo na fin de semana e deixounos un moi bo sabor de boca. Aí vai!
Coroa de verduras
Ingredientes:
- 1 lámina de follado
- 1/2 cabaciña
- 1/2 pemento vermello
- 1/2 pemento amarelo
- 2 champiñóns
- Tomatiños
- Queixo feta
- 1 ovo
- Ourego
- Pementa moída
- Sal
- Aceite
Utensilios: unha bandexa de forno, papel vexetal, unha táboa e un coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de estirar a masa de follado. Desde o centro até a metade da masa imos facendo unhas liñas, con forma de triángulo).
Á parte, cortamos as verduras. A cabaciña, en láminas finas; os pementos, en tiras; os champis, en láminas; e os tomatiños, á metade.
Colocámolos sobre o follado.
Poñemos o queixo, cortado en cadradiños. Salpementamos ao noso gusto e botamos un chisco de ourego e aceite.
Poñemos os triángulos sobre as verduras e pintamos o follado co ovo batido.
Enfornamos a 210º, calor arriba e abaixo, até que estea dourado o follado, aproximadamente 20 minutos.
E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste! E ollo, se non sodes de verduras, que non vos bote isto para atrás, aproveitade o formato e botádelle o que máis gustedes. Forte aperta, bolboreteir@s!
Grazas :)
ResponderEliminar