domingo, 15 de novembro de 2020

Risotto de cabaza

 Boa tarde, bolboreteir@s!! Como vai a finde? Supoñemos que metidiños todos na casa ante este domingo de choiva e procurando ideas para pasar a tarde.

Nós pasarémola con xogos co peque porque pola mañá xa tocou aproveitar para crear para o blogue unha nova receita, aproveitando o excedente que tiñamos de cabaza pola casa. Algunha que nos trouxeran da horta, que se sumara a algunha que tiñamos mercada... tiñamos que darlle saída. Como esta semana fixo bastante calor non andabamos con moita gana de crema así que xa tiñamos en mente outro tipo de creación máis contundente, un risotto, que aquí sempre arrasan. Sinxelo e efectivo. Imos ver!



Risotto de cabaza


Ingredientes:

  • 1,5 vaso de arroz
  • 1,5l de caldo de verduras
  • Dúas lascas de cabaza
  • 3-4 champiñóns
  • 2 cenorias.            
  • 1 cebola
  • 1 dente de allo
  • 1 cullerada de manteiga
  • Queixo relado
  • Aceite de oliva
  • Pementa moída
  • Sal




Utensilios: unha tixola, unha culler, unha táboa e un coitelo. 


 Elaboración:

Para comezarmos, rustrimos en dúas culleradas de aceite o allo, a cebola, a cabaza e as cenorias ben picadas. 



Cando estean brandiñas, agregamos o arroz e mesturamos moi ben. Salpementamos ao gusto. 

Engadimos caldo até cubrir o arroz, e remexemos até que o absorba todo. 


Agregamos máis caldo, de novo até cubrir o arroz, remexemos até que o vaia absorbendo e así até que se faga o arroz. Cando estea case feito, agregamos os champiñóns laminados. 


Cando estea listo, agregamos unha cullerada de manteiga. 


E queixo relado, mesturamos e deixamos repousar 5-10 minutos para que acabe de evaporar o caldo. 


Servimos e a comer!


Agardamos que vos guste e que a levedes á práctica xa sexa con este ingrediente ou con outras verduras que formen parte das vosas favoritas. Forte aperta, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario