Bo día, bolboreteir@s! Como estades? Supoñemos que na casiña ou non moi lonxe posto que este ano a fin de semana de Samaín é máis terrorífica ca nunca por motivos obvios.
Sexa como for, cremos que aínda chegamos a tempo para vos dar unha idea gastronómica sinxela e rápida para esta noite caseira de celebración dos defuntos e das ánimas. Unha opción ideal para xogardes e saboreardes cos máis peques da casa, que seguro pasan un momento ben divertido na cociña xunto a vós.
Veña, a por ela!
Pizza terrorífica e outra idea
Ingredientes:
- Masa de pizza
- Salsa de tomate
- Mozzarella (e dúas lascas de queixo)
- Mortadela siciliana
- Champiñóns
- Cebola
- Olivas
- Ourego
- Allo en po
Utensilios: unha bandexa de forno, papel vexetal e un cortador.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer a masa de pizza. Nós fixémola de espelta integral. De seguir, estirámola e dámoslle forma redondeada. Temos que facer dúas, unha de base e outra para facer as vendas.
Estendemos unha capa de salsa de tomate e empoamos con ourego e un pouco de allo en po.
Botamos o queixo relado, a cebola, ben picadiña, e os champiñóns en láminas.
Tamén poñemos a mortadela.
Cortamos a outra masa en tiras e ímoslla poñendo como se fosen vendas. Deixamos un anaco sen vendas para facer os ollos, con dous anacos de queixo e unha oliva cortada ao medio.
Enfornamos a 250º, calor arriba e abaixo, e cociñámola durante 15-20 minutos, aproximadamente.
Coa masa que nos sobrou, fixemos unhas momias con salchichas. Para facerlles a cara, axudámonos dun pau e un pouco de salsa de tomate ou Ketchup.
E xa estaría listos para comer! Que aproveite e que a Santa Compaña non pare preto de onde estades esta noite. Por se acaso, deixade a luz encendida de noite e todo papado, que non veña ninguén procurar comida sobrante. Aperta, amig@s!
Deu vontade de provar!
ResponderEliminarPassei para desejar continuação de uma excelente semana!
Beijinhos,
Espero por ti em:
strawberrycandymoreira.blogspot.pt
http://www.facebook.com/omeurefugioculinario
https://www.instagram.com/marysolianimoreira
;)
ResponderEliminar