sábado, 25 de xaneiro de 2020

Rigatoni ao forno

Sábado de receita! Hoxe traemos un novo prato para @s que gustades da pasta, que debemos ser a grande maioría da poboación. Destas sempre tentamos acumular varias pois este tipo de pratos son económicos e moi válidos para a rutina. 
Aínda que habitualmente traballamos máis coa pasta pasada pola tixola despois da cocción, desta volta tocou forno e ficamos moi satisfeitos.
Escollemos os rigatoni para variar pois aquí tiramos máis no día a día ao spaguetti tradicional ou aos macarróns mais a verdade é que practicamente todos estes pratos se poden intercambiar pois case todas as pastas recollen moi ben o sabor das salsas. Velaquí está?



Rigatoni ao forno



Ingredientes:


  • 750 ml de caldo de verduras
  • 400 g de macarrón (tipo rigatoni)
  • 400 g de tomate ao natural
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 bóla de mozzarella
  • Pementa moída
  • Alfábega
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola, unha fonte apta para o forno, unha culler e unha táboa e un coitelo.



Elaboración:


Para comezarmos, temos de rustrir a cebola ben picadiña en dúas culleradas de aceite.


Cando empece a abrandar, rustrimos nun lado da tixola os dentes de allo, tamén ben picados.


Agregamos os tomates e, coa axuda da culler, desfacémolos na tixola. 


Sazonamos ao noso gusto coa pementa moída, a alfábega e o sal. Cociñamos 15 minutos. 


Botamos a salsa no recipiente apto para o forno. 


Engadimos os macarróns. 


Agregamos o caldo, ben quentiño, sobre a pasta. Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30 minutos, ou até que pasta estea no seu punto. 


Cando a saquemos do forno, agregamos o queixo, cortado en anacos, e empoamos con máis alfábega. 


E xa estaría lista para comer! 


Babexando xa? Pois non hai máis que seguir as pautas e recrear o prato nas vosas cociñas. Veredes que ben. Aperta forte, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario