sábado, 18 de xaneiro de 2020

Galletas de cacahuete

Bo día, bolboreteir@s! Como andades? Por aquí moi contentos pois estas semanas próximas imos ter moitas novidades en Bolboretas no bandullo e andamos metidos de cheo argallando nelas.
Seguro que algúns e algunhas de vós andaredes xa dicindo ao ver a receita: que tipos, aínda aguantaron sen lambetadas despois do Nadal! Pois ben certo, a verdade é que nos leva a vida. Sexa por unha cousa ou outra. Aínda que desta vez tiñamos boa excusa. Unha amiga convidounos a coñecer a súa nova casa e claro, xa sabedes, algo doce sempre se levou ;-)
Así pois, desde que nos regalaron o libro de Las mejores recetas de Dulce sentimiento de Mirta Escudero tiñamos en mente esta receita coa crema de cacahuete como protagonista e non o pensamos un momento. Aquí están!




Galletas de cacahuete



Ingredientes:

  • 230 g de fariña
  • 150 g de crema de cacahuete
  • 120 g de azucre
  • 100 g de manteiga
  • 1 ovo
  • Cacahuetes recubertos de chocolate



Utensilios: unha cunha, un batedor manual (ou eléctrico), unha bandexa de forno e papel vexetal.



Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar o azucre coa manteiga.


Agregamos a crema de cacahuete.


Cando estea ben integrada, botamos o ovo batido.


Engadimos a fariña, pouco a pouco, até ter unha masa homoxénea.


Por último, agregamos as boliñas de cacahuete. Nós escollémolas de chocolate negro, con leite e branco.


Facemos boliñas (nós fixémolas algo gordiñas, mais podédelas facer máis finas) e poñémolas nunha bandexa de forno cuberta con papel vexetal.

Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 15 min. Porén, se as facedes máis finas, restade 2-3 minutos. Deixamos que arrefríen e xa estarían listas para comer!


Mandariavos confirmalo coas comensais xa que elas serían quen mellor vos poderían confirmar o que se intúe xa nesta receita. O caso é que para a casa non volveu ningunha, voaron! E con razón, estaban deliciosas. Agardamos que gustedes, amig@s! Aperta forte!

4 comentarios: