sábado, 14 de decembro de 2019

Panettone

Olaaaaaaa!!!!!!!!!! Apenas dúas semanas para o Nadal e aquí xa temos os menús decididos e as larpeiradas pensadas para os grandes festíns alimenticios. 
E hoxe cumprimos cunha autodemanda que nos tiñamos feitos desde hai ben tempo: o panettone. Unha das sobremesas por excelencia do Nadal, especialmente en Italia onde se converte en verdadeiro epicentro das mesas natalicias.
Pois ben, nós que somos amantes das masas e das preparacións de pan, tiñamos que facer isto antes ou despois. É certo que non é un doce que adoitemos mercar na nosa casa, non temos esa tradición e de feito até hai nada non o probaramos. Porén, foi degustalo e confirmar o éxito deste produto. Iso si, cremos que é un deses produtos que gañan moitísimo con elaboración caseira. Ou será que saíu moi ben por aquí... hehe. Aquí vai!



Panettone


Ingredientes:


Prefermento:
  • 50 g de fariña de forza
  • 35 g de auga tibia
  • 15 g de lévedo
  • 10 g azucre
Masa:
  • 300 g de fariña de forza
  • 85 g de azucre
  • 75 g de manteiga
  • 3 ovos
  • Reladura de laranxa
  • Reladura de limón
  • Sal
Recheo e decoración:
  • Chocolate con leite
  • Abelás
  • Boliñas de chocolate
  • Manteiga
  • 2 culleradas de leite

Utensilios: un vaso, unha cunca, papel transparente, unha culler,  un rolete e un batedor manual. 


Elaboración:


Como ides ver, é unha masa sinxela mais leva un cachiño. Comezamos facendo o prefermento (venres 20h). Para iso, diluímos o lévedo na auga e despois botamos a fariña e o azucre. Mesturamos moi ben. 




Deixamos repousar 30-40 minutos. Reservamos. 


A continuación (venres 20:45), batemos os ovos e engadimos a manteiga. 


Agregamos o azucre, as reladuras e un chisco de sal. Mesturamos ben. 


Botamos o prefermento e comezamos a engadir a fariña, pouco a pouco. Chegará un punto en que teñamos que amasar coas mans. Tapamos con papel transparente e deixamos repousar un mínimo de 4 horas, nós deixamos toda a noite. 




Sábado 9:00. Quitámoslle o aire e estiramos cun rolete. Empoamos co chocolate, as abelás e as boliñas de cores. 



Pechamos a masa e colocámola no molde. Tedes que mirar de repartir ben o recheo, a nós quedounos amontoado por partes. Tapamos e deixamos repousar 2-3 horas. 


Sábado 12:30. Opcionalmente, podemos facer un cortes na superficie, pintalo con leite e pór uns anacos de manteiga. Enfornamos a 180º, co forno prequente, calor abaixo e ventilador, durante 50-55 minutos. Ollo! Sube bastante no forno, non o poñades moi arriba ;)


Deixamos que arrefríe un pouco e xa estaría listo para comer! 


Apetece, non é? Pois, aínda tedes tempo a facer unha elaboración previa antes dos días sinalados por se tedes desconfianza. Veredes que non hai fallo e que tedes unha posibilidade caseira que marcará a diferenza nestes últimos días do ano. Forte aperta, bolboreteir@s!

4 comentarios:

  1. hace años que lo preparo en casa nada que ver con los que se compran ,a mi madre mi sobrina y a mi nos gusta con frutas escarchadas a mi hijo y hermano con pepitas de chocolate y mi costillo sin nada asi que toca hacer tres.
    Os ha quedado de relujo la foto del corte es divinisimooooooo y seguro que estaba de muerte relenta.
    Bicos mil para los tres y feliz semana wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Totalmente de acordo! Hai receitas que son un millón de veces mellores se as fas na casa 🙂!
      Unha aperta ❤️

      Eliminar
  2. E como estar nun museo de cociña.

    ResponderEliminar
  3. Gustariame q non renegasedes da cociña galega. O 'panetone' en Galiza é o PAN DE OVOS! Qe coido se facía coa mesma masa do 'Carrapito' (no Barbansa) ou trenza da pascoa. Ás veces con pasas no medio.

    ResponderEliminar