martes, 10 de decembro de 2019

Gratén de pataca e bacon

Bo día, bolboreteir@s! Seguimos coas dúas receitas por semana deste mes de Nadal cun prato que vén de arrasar recentemente nun cea cunhas boas amizades na Coruña. O gratén non é máis que unha variante de lasaña ou un gratinado que aquí realizamos coas patacas como elemento central, simulando as placas coas que preparamos as lasañas. 
Como gozamos estas argalladas gastronómicas que acaban por dar con delicias como este gratén. Imos coa creación!




Gratén de pataca e bacon


Ingredientes:

  • 5-6 patacas
  • 500 g de bacon
  • 2 allos porros
  • 2 bólas de mozzarella
  • 300g de queixo relado para gratinar
  • 2  dentes de allo
  • 1 cullerada de manteiga
  • Pementa moída
  • Ourego
  • Sal

Utensilios: unha fonte apta para o forno, unha tixola, unha táboa e un coitelo. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de rustrir o bacon cortado en tiras. 


Cando estea listo, agregamos o allo porro, ben picado, e sazonamos coa pementa moída, o ourego e o sal, ao gusto. Cociñamos até que se faga o allo porro. 


Mentres tanto, untamos o molde coa manteiga. Pelamos e cortamos as patacas en lascas. Estendemos unha capa no fondo do molde. 


Cubrimos cunha parte do queixo relado e cunha bóla de mozzarella cortada en lascas. 


Botamos a metade do rustrido de porro e bacon. 


Cubrimos con outra capa de patacas, queixo relado, mozzarella e a outra metade do rustrido. Rematamos con pataca. Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, até que se cociñen ben as patacas, aproximadamente, durante 1 hora. 


De seguir, cubrimos con máis queixo relado e gratinamos 10 minutos máis. 


E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica. Estamos segurísimos de que vos vai prestar moitísimo tanto a elaboración como a proba. Xa nos contades, bolboreteir@s!

1 comentario:

  1. Uuummm seguro que fue un éxito y no dudo ni un segundo que las patatas así esten de muerte relenta no lo siguiente 😋
    De buena gana daba cuenta de un plato como siempre receta y fotos de 20 points.
    Bicos mil para los tres wap@s 😘

    ResponderEliminar