sábado, 9 de marzo de 2019

Quiche de tomatiños e olivas

Bo día, amig@s! Imos recuperando do empacho do Entroido? Nós aínda non abandonamos, seguimos insistindo cos freixós e as roscas. 
Pero ben, hai que seguir alimentándonos de algo máis. E como sabedes, nós queremos facer da alimentación diaria algo máis que unha simple rutina gastronómica, creando receitas diferentes que achegan moi sabor. Así pois, hoxe toca unha receita de orixe francesa que vos vai conquistar desde o primeiro bocado, un quiche moi sinxelo de facer.
Nós xa a papamos mais agora tócanos contarvos o proceso de creación. Aí vai:



Quiche de tomatiños e olivas




Ingredientes:

  • 1 lámina de masa brisa
  • Queixo relado ao gusto
  • 14-15 tomatiños
  • 15-20 olivas negras
  • 4 lascas de pavo
  • 2 culleradas de pesto (ou paté de olivas)
  • Aceite de oliva
  • Un chisco de sal

Utensilios: un molde apto para o forno, papel vexetal, táboa e coitelo.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de preparar a masa. Podémola facer caseira, no blogue tedes un montón de receitas, ou mercala. Estirámola sobre o molde en que imos fornear.


Pintamos os bordos con aceite de oliva. 


Cortamos unhas olivas, poñémolas sobre o aceite e pechamos os bordos, como se fose o recheo. 



Estiramos as dúas culleradas de pesto (ou de paté de olivas) sobre a masa. 


Cubrimos, tamén, con queixo relado. Nós, para esta ocasión, utilizamos Emmental. 


Colocamos o pavo, cortado en cadradiños. 


E os tomatiños cortados ao medio. Quedará máis vistosa se os utilizamos de varias cores. Opcionalmente, podemos botar unhas poucas máis de olivas. 


De novo, engadimos un pouco máis de queixo. 


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, co forno prequente, durante 30-35 minutos. 


E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste e que poñades esta deliciosa receita en práctica. 


Vedes a boa pint que ten, non? Pena de non poder coller un cachiño a distancia, verdade? Ben, a solución é sinxela. Agora que xa sabedes como se realiza, non queda máis que poñelo en práctica e desfrutalo. Fortísima aperta, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario