sábado, 16 de marzo de 2019

Muhammara

Bo día, bolboreteir@s!!! Como estamos??? Agardamos que moi ben, con ganas para desfrutar este sábado que pinta solleiro. Nós andamos por Monterroso, na IV Feira do Disco e Libro Galego, para presentarmos este fillo literario que tan ben queremos, o "Cociñando con Bolboretas no bandullo".
Con todo, hoxe no blogue ímonos ben lonxe, até Siria, para degustar unha receita tradicional ben curiosa para nós. Esta idea debémoslla a unha compañeira de instituto, amante da cociña e da gastronomía internacional. Que crack!
Agora que chegou a nós, trasladámosvola para que a preparades e saboreedes un pouco da cultura gastronómica siria (aídna que é certo que tamén é ben tradicional no Líbano). Agora si, unha outra alternativa ao hummus, ben curiosa. A gozala!!



Muhammara



Ingredientes:


  • 1 pemento vermello
  • 100 g de noces
  • 100 ml de aceite, mais unha culleriña máis
  • 1 dente de allo
  • 2 culleradas de pan relado
  • 1/2 culleriña de comiño
  • 1/2 culleriña de pemento picante
  • Pementa moída
  • Sal
  • O zume dun limón

Utensilios: unha fonte apta para o forno, papel de aluminio, un batedor eléctrico (ou unha picadora) e unha cunca.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de asar o pemento vermello. Para iso, colocamos un pouco de papel de aluminio sobre unha bandexa de forno. Lavamos moi ben o pemento e poñémolo encima, salpementamos e engadimos unha culleriña de aceite.


Asamos no forno a 190º, calor arriba e abaixo, durante 45-50 minutos. Deixamos que arrefríe un pouco. 


De seguir, quitámoslle a pel e colocámolo no vaso do batedor ou da picadora. 

Engadimos as noces, o pan relado, o comiño, o pemento, o sal e a pementa, o zume do limón e o aceite. 




Trituramos moi ben todos os ingredientes e refrixeramos 30 min-1 hora para que asenten os sabores. Servímola acompañada de picos, nachos, pan torrado...


E xa estaría lista para comer! Petisco ben apetecíbel e orixinal co que sorprender a calquera comensal. Ademais, como xa sabedes, non hai mellor forma de vos achegar a unha cultura que a través da súa gastronomía. Agardamos que vos guste, amig@s! Aperta forte!


Ningún comentario:

Publicar un comentario