sábado, 29 de setembro de 2018

Pizza branca carbonara

Bo día, bolboreteir@s!! Seguimos adiante con máis receitas. Hoxe imos cun clásico italiano. Estamos no ámbito do que seguramente sexa un dos nosos pratos favoritos, a pizza. E tamén con seguridade, un dos que comemos con máis frecuencia. É a nosa perdición, haha. Tentamos probar sempre aquelas pizzarías que nos ides recomendando vós e tamén as nosas amizades. E a verdade é que temos descuberto verdadeiros paraísos da masa en Galiza.
Pero tamén unha vez á semana, somos nós os que a preparamos, xogándomos cos diferentes produtos que temos pola casa. E desta volta encaprichóusenos unha das receitas de pizza máis discutidas, a carbonara. 
Sabedes que na receita orixinal non leva nata, e de feito para moitos italianos é unha verdadeira ofensa pois ven manipulada a súa creación. Pois ben, por aquí encontrarédesvos moitísimas carbonara con nata. 
Nós optamos por seguir os criterios dos italianos que son os que saben disto. Descubrimos neste proceso, ademais, que gustan moito das pizzas biancas, aquelas que non levan tomate na base senón queixo, para despois seguir o proceso de calquera outra. Vaia, vaia. Que descuberta!




Pizza branca carbonara


Ingredientes:


Para a masa:

  • 500 g fariña
  •  250 ml auga morna
  • 15 g lévedo
  • 1 cullerada de aceite 
  • 1 chisco de sal
Para o recheo:
  • Queixo relado ao gusto
  • 150 g de bacon
  • 4-5 champiñóns
  • 1 cebola pequena
  • 1 ovo
  • Ourego
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola, unha bandexa de forno, papel vexetal, un rolete, un coitelo e unha culler de pau. 



Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a masa da pizza. Para iso, mesturamos a fariña, o aceite e o sal e engadimos o lévedo na auga morna até obter unha masa húmida e homoxénea. 


Deixamos que repouse 1 hora, aproximadamente. 


Pasado ese tempo, enfariñamos a mesa de traballo e estiramos a masa coa axuda do rolete. Reservamos. 


Mentres tanto, rustrimos a cebola nun chisco de aceite. 


Engadimos o bacon cortado en tiras e salpementamos ao noso gusto. 


Cando a cebola eo bacon estean ben rustridos, apagamos o lume, engadimos o ovo e remexemos moi ben. Reservamos. 


E chegou a hora de montar a nosa pizza! Estendemos unha boa capa de queixo sobre a nosa masa. Empoamos con ourego. 


O rustrido da cebola, o ovo e o bacon. 


Colocamos os champiñóns laminados. 


E un chisco máis de queixo. 


Enfornamos a 250º, co forno prequente, calor abaixo e ventilador, durante 10-15 minutos. 


E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste! 


Ganas de Italia, ganas de pizza e moita fame xa, verdade? A verdade é que é un dos grandes manxares do mundo e esta recreación quedou de marabilla!! A por ela! Forte aperta, bolboreteir@s.

Ningún comentario:

Publicar un comentario