sábado, 21 de abril de 2018

Pan allado con queixo

Bo día, bolboreteir@s! Con canta fame nos levantamos hoxe. Cando é así apetécenos aínda máis escribir estas receitas aínda que estas provocan que esa fame vaia aumentando recordando delicias como esta última, co queixo como protagonista principal e o allo secundario de luxo. Ha! 
Realmente, este foi un deses caprichos visualizados nestas páxinas de Tasty en redes sociais e que decidimos pór en marcha ipso facto pois veredes que só a foto abre o apetito.
Nós é certo que o pan desfrutámolo só e no camiño da panadaría á casa papamos media bola ou barra mais ninguén pode rexeitar unha oportunidade coma esta de o engalanar cun dos outros produtos de máis honra no país. A que non? Imos a pola nova receita!!



Pan allado con queixo


Ingredientes:

  • 1 bóla de pan
  • 1 bóla de queixo mozzarella
  • 50-60g de queixo San Simón
  • 2 dentes de allo
  • 2 culleradas de manteiga
  • Perexil
  • Pementa moída



Utensilios: unha picadora, un coitelo, un pincel, papel vexetal (ou de aluminio) e unha bandexa apta pra o forno.


Elaboración:


Comezamos botando na picadora os dentes de allo, o perexil e a pementa moída ao noso gusto. Tamén a manteiga derretida. Trituramos para conseguir unha manteiga de allo. 

A continuación, cortamos o pan facendo tiras verticais e logo horizontais, mais sen chegar até o final, o pan ten que seguir unido 😉.


Agora, nos ocos do pan, colocamos os dous tipos de queixo. 


Pintamos coa manteiga de allo. 


Recubrimos o pan con papel vexetal (ou de aluminio). 


Enfornamos a 160º, co forno prequente, calor arriba e abaixo, durante 10-15 minutos, até que se derretan os queixos. 


E xa estaría listo para comer! Que vos aproveite esta delicia salgada! 


Non sabemos se a foto é quen de reflexar o que merece, mais dámosvos a nosa palabra de que esta nova creación vos fará perder a cabeza desde o primeiro bocado pois é todo un festexo de sabor e cremosidade. Pensade: queixo, queixo. Máis queixo! Irresistíbel.
Agardamos que o probedes máis cedo que tarde e nos comentedes os resultados. Forte aperta, amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario