martes, 17 de abril de 2018

Crema de arroz con leite

Bo día, bolboreteir@s! Estaredes a desfrutar destes días solleiros, non? Por aquí xa non tiñamos os ollos acostumados a tanta claridade, haha. Con todo, hoxe imos presentarvos unha receita ideal para as sobremesas de menús lixeiros ou mesmo para ceas de días fríos.
Estamos perante unha variante ben interesante do clásico arroz con leite, un recurso que está presente de forma habitual na nosa cociña e que tiñamos ganas de renovar. De onde xurdiu a idea? Pois fomos xantar a semana pasada á recomendabilísima Cervexaría Malte da rúa Galera da Coruña e quedamos fascinados con esta sobremesa que decidimos levar á práctica máis cedo que tarde. E así foi, executada con toda a sinxeleza do mundo, seguindo o patrón da receita tradicional.
Certo é que isto é só apto para grandes lambonciñ@s! Preparad@s?



Crema de arroz con leite



Ingredientes:


  • 1l de leite
  • 150 ml de nata
  • 1 vaso pequeno de arroz
  • 1/2 vaso de azucre
  • 1 cullerada de manteiga
  • A monda dun limón
  • Canela en rama
  • Para decorar: canela en po

Utensilios: unha pota, unha culler de pau e un batedor eléctrico.


Elaboración:


Para comezarmos, fervemos o leite xunto co limón e a canela para aromatizalo.


Cando ferva, engadimos o arroz e cociñamos a lume medio-baixo.


Cocemos durante 25 minutos, aproximadamente, até que vexamos que vai espesando.


Cando o arroz estea listo, agregamos o azucre e a manteiga. Remexemos moi ben e apagamos o lume.


Batemos moi ben, engadimos a nata e volvemos bater uns minutos. 
É importante que adaptedes a receita ao resultado que vós desexedes polo que se vedes que fica algo espeso, non tedes máis que engadir un chisco de leite a maiores.



Servimos botándolle máis canela.


E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que o fagades antes de chegue o verán (se chega, claro!! Iso si, non esquezades comentarnos o resultado. Aínda que non fai falta ser moi optimistas para saber que o éxito será voso. Xa vedes, non hai dificultade.


2 comentarios:

  1. Mira que sois tentadores con lo que me gusta el arroz con leche si lo se no vengo ahora me marcho con los dientes largos largos uummmmmmmmm seguro esta crema estaba para ponerle un piso.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, moi moi rica e é unha forma diferente de facer o arroz con leite!
      Bicos!

      Eliminar