sábado, 14 de abril de 2018

Filete recheo de pesto con patacas á crema

Bo día, bolboreteir@s! Insistimos sempre na necesidade de lle dar unha segunda ou terceira vida aos nosos pratos e receitas. Referímonos con isto as posibilidades das coñecidas como "sobras" para que non acaben desaproveitadas no lixo.
Desta volta imos co pesto que nos sobrou da receita que presentamos o pasado martes onde tivo protagonismo xunto a unha pasta fresca, tal e como recordades. Ben, pois como talvez vos pase a vós cando preparedes este mollo, decidimos presentarvos a nosa última creación. Dicimos que é posíbel porque o pesto é moi intenso e con pouco adoita chegar para moito polo que pode sobrar.
Desta volta, pensamos en combinar con algo ben diferente, unha carne que non se deixa levar tanto polo pesto mais que segue a combinar con moito xeito, incluíndomos ademais un acompañante do maís acaído. Imos con esta nova receita!


Filete recheo de pesto con patacas á crema


Ingredientes:


Para o filete:
  • 2-3 filetes
  • Salsa Pesto
  • Allo en po
  • Pementa en po
  • Aceite de oliva

Para as patacas:

  • 2-3 patacas
  • 200 ml de leite evaporado
  • Tomatiños cherry
  • 3-4 follas de alfábega
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha fonte apta para o forno, unha mandolina e unha tixola.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de lavar e cortar as patacas coa axuda da mandolina para que queden moi finas. Botámolas nunha fonte engrasada cun chisco de aceite. 



A continuación, engadímoslle os tomatiños cortados ao medio, as follas de alfábega, tamén picadas, e salpementamos ao noso gusto. 


Agregamos o leite evaporado. 

Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, co forno prequente, durante 45 minutos, aproximadamente.


Cando ás patacas lles queden 15-20 minutos, empezamos a preparar os filetes. Botámoslles pementa moída e allo en po ao noso gusto. 


Estirámolos ben e untamos unha boa capa de pesto, deixando un recuncho libre. 


Enrolámolos sobre si mesmos. 


E rustrímolos nunha tixola cun chisco de aceite. Este paso vainos levar bastante tempo porque se teñen que facer moi ben por dentro. 


Cando estan listos, servímolos nun prato acompañado das patacas á crema. 


E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que o poñades en práctica. 


Teñen boa pinta, verdade? Pois a verdade é que non vos han de deixar indiferente. Se estades decididos a apostar polo pesto, esta é unha outra opción menos convencional mais capaz de convencervos desde o primeiro bocado. 
Forte aperta, amig@s! Tede boa finde!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmm cosa mas rica madre , seguro que estaban de rexupete , os han quedado de relujo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar