Bo día, bolboreteir@s! A gastronomía non para en Bolboretas no bandullo. Nós somos como as cobras e saímos coas raiolas do sol. Así, aproveitamos algunha destas xornadas para facer iso que tanto nos gusta, xantar fóra, tirados nalgún prado. E para iso o que apetecen son receitas frescas e lixeiras. Hai que aproveitar agora que parece que volve o sol e aquí sempre temos o temor de que poda ficar por pouco tempo. Aínda que certo é que estamos na primavera e de momento non podemos estar moi exixentes coas temperaturas.
Pois, argallando nun destes novos pratos chegamos a unha variante da clásica ensalada de pasta. Unha opción chea de sabor e que parte da famosa ensalada caprese que xa preparamos hai tempo para o blogue e que tamén aparece polos nosos menús con frecuencia.
Imos con esta delicia!
Pois, argallando nun destes novos pratos chegamos a unha variante da clásica ensalada de pasta. Unha opción chea de sabor e que parte da famosa ensalada caprese que xa preparamos hai tempo para o blogue e que tamén aparece polos nosos menús con frecuencia.
Imos con esta delicia!
Ensalada de pasta caprese
Ingredientes:
- 250 g de pasta
- 100 g de salsa de tomate
- 1 bóla de mozzarella
- 14-15 tomatiños cherry
- 9-10 olivas
- 4-5 espárragos
- 4-5 follas de alfábega
- 2 culleradas de aceite
- Pementa moída
Utensilios: unha pota, unha cunca grande, unha táboa e un coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de cocer a pasta seguindo as instrucións do paquete.
E, mentres tanto, picamos os tomatiños.
E tamén a mozzarella e a alfábega. Mesturamos todo.
Agregamos, tamén, os espárragos e as olivas, cortados en anacos.
Botamos as salsa de tomate e mesturamos ben.
Engadimos a pasta, o aceite e pementa moída ao gusto.
Refrixeramos para tomala ben fresquiña e xa estaría lista para comer!
Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica!! Mais iso si, preguntámonos se seredes capaces de resistirvos a ela. É toda unha tentación e de seguro que vos namorará desde o primeiro bocado. Desfrutádea. Unha forte aperta!
Ningún comentario:
Publicar un comentario