sábado, 31 de marzo de 2018

Porco asado estilo thai

Bo día, bolboreteir@s. Para quen pasou gana de carne onte, nos vos preocupedes xa que vos traemos unha receita co porco como protagonista. 
Ultimamente andamos frecuentando moito os asiáticos, o que se percibe no prato de hoxe. Encántanos a intensidade que dan a certos alimentos grazas ao xogo coas salsas, froitos secos e sobre todo, adoramos a presenza das verduras... Así pois, decidimos aproveitar uns filetes que tiñamos na casa para os preparar nunha modalidade ben diferente coa que sorprendimos os comensais da casa.
Se tedes ganas de cociñardes un prato tailandés sen dificultade ningunha, esta é a vosa. Imos alá!



Porco asado estilo thai


Ingredientes:

  • 500 g de filetes de porco
  • 1 cebola grande
  • 1 pemento vermello
  • 2-3 cenorias
  • 2-3 dentes de allo
  • 2-3 patacas
  • 3-4 culleradas de soia
  • 1 chisco de sésamo
  • Pementa moída
  • Aceite

Utensilios: unha bandexa de forno con papel vexetal, unha cunca e un coitelo.


Elaboración: 


Para comezarmos, pelamos e cortamos en lascas as patacas. Poñémolas de base na bandexa do forno e sazonamos con pementa moída. 


De seguir, cortamos en tiras o pemento, a cebola, as cenorias e os dentes de allo.



Tamén os filetes. 


Adobamos coa soia e mesturamos moi ben. 


Colocamos a carne e as verduras sobre a base de patacas. Botamos unhas gotiñas de aceite. 


Enfornamos a 190º, calor arriba e abaixo, durante 30 minutos. Botamos un chisco de sésamo e xa estaría listo para comer! 


Agardamos que vos guste e que o poñades en práctica. 


Que vos parece? Sinxelo, non é? Apenas combinarmos ingredientes, darmos ben presenza ás verduras e achegar ese toque imprescindíbel da soia e o sésamo. 
Hai mil e unha posibilidades co estilo thai mais esta é a que hoxe vos deixamos en Bolboretas no bandullo. Forte aperta, amig@s!

2 comentarios:

  1. No me gusta me rechifla no tardare en poner la receta en practica seguro esta para ponerle un piso .
    Bicos mil y feliz domingo wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Siii, faina, non te vas arrepentir!!! Está deliciosa e faise nun momento, pódenos sacar de moitos apuros!
      Apertas

      Eliminar