sábado, 10 de marzo de 2018

Mexis crocantes

Bo día, bolboreteir@s! Hoxe imos cun dos nosos mariscos favoritos, os mexillóns. Como puidestes observar, non é a primeira vez que vos encontrades cunha receita deste molusco en Bolboretas no bandullo. E ten unha explicación lóxica. Ou máis dunha. É un dos mariscos máis económicos e parece que por iso non o valoramos moitas veces o suficiente. Temos a sensación que está infravalorado. Por sorte, hoxe contamos con grandes cantidades nas rías galegas mais non sabemos se seguirá sendo así polo que convén desfrutalo e aproveitalo. Non fai falta pagar 100 euros o kilo para que o produto sexa ben prezado, aínda que despois, ben é certo que hai moitos tipos de mexillóns e hai unha grande diferenza no tamaño e sobre todo na calidade.
Ademais, o mexillón galego considérase un produto tremendamente beneficioso, moi nutrinte e ao tempo baixo en calorías no que destaca a vitamina B12 ou as proteínas de fácil dixestión.
En fin, viva os mexillóns! Non cansamos de os comer. Se somos sinceros, son moitas as ocasións en que optamos directamente por facelos ao vapor e papalos directamente aínda que, como non nos queremos acomodar, de vez en cando argallamos receitas coma esta. Imos aló!




Mexis crocantes


Ingredientes:

  • 1 kg de mexillóns
  • 4-5 champiñóns
  • 2-3 chalotas (ou 1 cebola grande)
  • 2 cenorias
  • 2-3 dentes de allo
  • 2 culleradas de pan relado
  • 1 cullerada de queixo en po
  • 1 culleriña de pemento picante
  • Pemento moído
  • Sal
  • 1 vaso de viño branco
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha pota, unha tixola e unha bandexa apta para o forno.


Elaboración: 

Para comezarmos, temos de abrir os mexillóns. Para iso, botámolos nunha pota cun vaso de viño branco. Poñemos ao lume até que abran.


Mentres tanto, picamos finamente as chalotas, a cenoria e os dentes de allo e rustrímolos en dúas culleradas de aceite de oliva. 


Deixamos que se cociñen durante 5 minutos, e engadimos os champiñóns, tamén finamente cortados. Salpementamos ao noso gusto. 


Cando a verdura estea rustrida, e os mexillóns cocidos (reservade as cascas dos mexillóns!), picámolos tamén finamente e engadímolos ao rustrido. 


Engadimos, tamén, unha pouca da auga de cocer os mexillóns, e deixamos que se cociñen até que se evapore o líquido. 


Á parte, mesturamos o pan relado, o queixo e o pemento. Reservamos. 


Agora, repartimos o rustrido nas cunchas do mexillóns. 


Empoámolos coa mestura do pan relado. 


Colocámolos na bandexa do forno e gratinámolos uns minutos, para que se torre o pan relado. E xa estaría listo para comer! 


Agardamos que vos gusten! 


Non podemos máis que recomendarvos a proba e, unha vez degustada, seguir ollando as outras opcións que temos no blogue para o cociñado destes moluscos. 
Esta dá para petisco pretencioso ou mesmo para cea lixeira. Os mexillóns, sempre na nosa cociña. Forte aperta, amig@s! Boa finde.

2 comentarios:

  1. Teñen que estar deliciosos. Cando baixe o temporal e saian os bateeiros, vounos probar. Dou por feito que me deixarán moi satisfeita. Ah! Eu xa teño cunchas de mexillón como auxiliar de cociña para certos pratos que os levan. Graciñas.

    ResponderEliminar
  2. Ains madre como tienen que estar asi los mejillones ,vamos para ponerle un piso o dos , os han quedado de relujo ademas de estar de rexupete.
    Me llevo la receta a mi costillo le rechiflan los mejillones y casi siempre se los hago en salsa de tomate , a la vinagreta o rellenos ademas de en escabeche .
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar