Bolboreteir@s, xa estamos de novo por aquí para tentar adozarvos o día aínda que hoxe ímolo facer de forma moi saudábel. Si, doce e saudábel son totalmente compatíbeis aínda que moitas veces afastatemos estes termos pola asociación co azucre refinado e os procesados.
Pois como comezamos esta semana con ansias de larpeiradas, pensamos en algo que cumprise cos criterios desexados. Desta volta, inspirámonos nunha receita dunha conta de Instagram (@megasilvita) e aproveitando que contabamos con todos os produtos pola casa non tardamos en executala.
Ademais, estamos ante unha certas receitas que serven para calquera parte do día. Nós comezamos aproveitando para a sobremesa, almorzamos con ela e chegaron até a merenda. Cumpren nos diferentes momentos con éxito.
Tampouco perderedes tempo pois é cuestión de combinar ingredientes, pór no forno e a agardar. Velaquí están!
Bolachas saudábeis de avea e plátano
Ingredientes:
- 2 tazas e media de avea
- 1 taza de bebida de améndoa/avea...
- 2 plátanos maduros
- 2 culleradas de sésamo tostado
- 1 cullerada de vainilla
Utensilios: unha cunca, unha culler e un garfo, unha bandexa de forno e papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de machacar o plátano co garfo.
De seguir, engadímoslle a avea, o sésamo.
Tamén a vainilla e a bebida, nós usamos de améndoa.
Mesturamos moi ben.
Coa axuda dunha culler imos facendo montóns nunha bandexa de forno cuberta con papel vexetal.
Enfronamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 23-26 minutos, dependendo de se nos gustan máis, ou menos, crocantes.
Agardamos que vos gusten e que as faigades xa que son moi sinxelas é rápidas de facer.
O toque de plátano achega o sabor principal mais o toque estrela destas bolachas, canto menos ao noso ver, está na textura, xa que parece que nos imos encontrar con algo crocante e sorpréndenos con todo o contrario. Marabilloso! A desfrutalas, bolboreteir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario