martes, 27 de marzo de 2018

Boliño de ovos (tradición da Pascua)

Bolboreteir@s, por aquí xa andamos desfrutando desta semana de descanso e aproveitando para aumentar o corpus culinario do blogue. A inquietude que tiñamos estes días era a de procurar na tradición gastronómica de Galiza nestas datas e a verdade é que cada vez se fai máis complexo dar con receitas autóctonas. A globalización é o que ten... 
Sabiamos das torradas, que tanto nos recordan a tempos da infancia, mais descubrimos outras das que nada coñeciamos como este bolo de ovos típico das comarcas do Salnés e Morrazo, onde parece ser que era, e aínda é (aínda que menos), regalo dos padriños aos afillados pola Pascua.
Así pois, foron de vital axuda as páxinas Sweet and sour e El amasadero onde nos mostraron os pasos. De todas formas, nós adaptámolo debido á incerteza do resultado e tendo en conta que aquí unicamente eramos dous comensais. De todas formas, xa vos podemos garantir que merece a pena dobrar as cantidades, porque resulta ben gustoso! Aí vai.



Boliños de ovos (tradición da Pascua)



Ingredientes:

  • 250 g de fariña
  • 160 ml de auga
  • 25 g de manteiga
  • 3 g de lévedo seco
  • 2 ovos
  • Aceite
  • Sal





Utensilios: unha cunca, unha bandexa de forno con papel vexetal.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a fariña, o sal, o lévedo e a auga. Mesturamos moi ben. 


De seguir, engadimos a manteiga e mesturámola de novo.



Untamos unha cunca con aceite e colocamos alí a masa. Deixamos repousar 1h 30 min, aproximadamente. 


Pasado ese tempo, enfariñamos unha superficie (nós fixémolo xa no papel de forno) e amasamos de novo até obter unha masa elástica. 



Quitámoslle un anaco de masa, estirámolo e facemos un fío que recubra toda a superficie, para darlle forma de niño.


Colcamos os ovos facendo presión para que queden un pouco afundidos.  Deixamos, outra vez, que levede 1h 30 -2h, aproximadamente. 



Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 40 min, é posíbel que nos últimos 10-15 min teñades que tapar o pan con papel de aluminio. 



Deixamos que se atempere un pouco e xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que o poñades en práctica 😉


Como vedes estamos perante un híbrido entre bolo doce e pan aínda que nós ubicámolo máis preto do segundo. O dos ovos, alén dunha decoración ben curiosa, tiña unha función no preparado tradicional. Nos fornos de pedra e leña, coas elevadísimas temperaturas, os ovos quebraban, esparexéndose por riba do pan e dando un sabor máis intenso. Agora, logramos unicamente que os ovos fiquen cocidos, o que dá para aproveitar e degustalos con este bolo tan sabedeiro. A por el, amig@s!

2 comentarios:

  1. Madre del amor hermoso esa bolla no deja de decirme comeme ,os ha quedado de relujo no lo siguiente y no dudo lo más mínimo que estén de rexupete.
    Bicos mil y feliz Semana santa wapos 😘

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Era a primeira vez que a probábamos e estaba deliciosa, un manxar!!
      Mil grazas por pasarte! Bicos

      Eliminar