martes, 27 de febreiro de 2018

Bolboretas no bandullo en Euskadi

Bo día, amig@s! Como vai este peche de mes? Agardamos que estea a ser moi produtivo. Por aquí a verdade é que si xa que vimos dunha fin de semana do máis intensa. Aínda que tiñamos unha receita xa no forno para publicar hoxe, despois de botar a vista atrás pensamos en que nos apetecía contarvos algo de como foi a nosa experiencia en Euskadi, onde, como xa sabedes, fomos convidados polo Universidade do País Vasco para expor "Bolboretas no bandullo: lingua e tecnoloxía", na Facultade de Letras de Vitoria. 
Antes de entrarmos no que máis vos gusta, no gastronómico, que para iso o País Vasco dá e moito, queriamos comentarvos o especial que foi para nós achegarnos a Vitoria para falar do noso proxecto e mostrar as posibilidades que ten a lingua galega na rede e no ámbito gastronómico. Foi unha verdadeira experiencia pois contamos cun alumnado implicado capaz de valorar o noso idioma, o que debería servir como exemplo para moitos galegos e galegas. Desfrutamos desta ponencia nunhas dúas horas marabillosas, cheas de interacción onde rematamos como mellor presta, papando. Mereceu a pena só por ver as caras dalgúns e dalgunhas cando destapamos os freixós e as lambetadas de licor café, haha. Mil grazas para elas e eles por tan xenial acollida e especialmente a Rosalía Ferreiro pola oportunidade.

A partir de aí, que tocou? Pois ver e papar, que iso é o noso.
Comentámosvos algún prato destacado. Chegamos a Vitoria o xoves e antes de nada fomos coñecer o Sagartoki, un dos locais máis sonados. Non é un restaurante barato mais varios dos seus pintxos son imprescindíbeis. Entre eles os ovos trufados (que a xema explota na boca ao probalos), que son totalmente impresionantes. Probamos tamén croquetas de parmesano e tomate e un pintxo moruno. Ah, e aínda que nós non somos moi de viños, coñecemos o típico txakolí. 


 Con todo, tiñamos obriga de coñecer o famoso "pintxo-pote" de Vitoria, con moita sona nas noites dos xoves, onde por 1,50€ ou 2€ podes degustar un pintxo e unha bebida "curta" (zurito, viño, mosto...). Velaquí algunha mostra.




O venres, unha vez rematada a charla, fomos convidados ao Restaurante La Virgen Blanca, en pleno corazón de Vitoria, onde compartimos unhas racións que vedes a seguir e onde destacamos especialmente o cardo, que nunca probáramos, ou a peituga á veneciana.








Boa pinta, verdade? Pois toda unha marabilla. Do máis recomendábel. Ben, para a noite, despois de coñecer a cidade (da man de Rosalía e Marta primeiro, e despois con David, Ainhoa e Bruno, amigos viveirenses alí instalados) dirixímonos á Kutxi para coñecer de primeira man unha Herriko Taberna e parece que demos coa mellor (Hala Bedi) pois desfrutamos dunha cea de crepes espectacular nun local de moitísimo ambiente. Crepe de primeiro, de segundo e de sobremesa, haha (unha de espárragos, xamón e queixo idiazábal, outra de verduras e tomate picante e outra con xeado e vainilla).












Xa de sábado, tocou coñecer Bilbo, cidade que nunca visitaramos até o momento e fixémolo principalmente a base de pintxos, no Mercado La Ribera. Xa nos fixaramos en Vitoria mais chamounos a atención algún costume de Euskadi como o de pedir na barra ou o de comer de pé. Aquí vos mostramos algúns destes petiscos ben espléndidos. Quedámonos coa croqueta de luriñas na súa tinta. Si, somos moi de croquetas, sabémolo. De feito, probamos tamén outras de arroz negro con ali-oli.






Após coñecer o Guggenheim, estabamos xa con ansias de merenda. Aínda que isto non foi nada típico nin tradicional, non podiamos pasar sen poñervos esta lambetada que nos fixo perder a cabeza... uns gofres (completo e versión sticks) con doce de leite e con "gianduja". Que perdición! Foi nunha xeadaría fronte ao museo.




Xa para ir rematando, traémosvos un par de pratos do Goizeko Izarra, o restaurante no que ceamos, xa sentados, no barrio de Indautxu. Aquí van os pementos recheos de txangurro con salsa de nécora e a que para nós foi a grande revelación, e que xa probaramos tamén no Virgen Blanca, o Goxua. Esta sobremesa caracterízase pola combinación de diferentes texturas (biscoito, nata, crema e caramelo). Ten especial sona en Vitoria. Nós quedamos co recordo no padal para o pór proximamente en execución.












Do domingo xa non vos comentamos moito máis pois tocou hamburguesa e pizza no Parque de Cabárceno, en Cantabria, que por certo vos recomendamos moi encarecidamente.
Chamáronnos a atención moitos detalles de Euskadi estes días: a cultura de bares, que nos deu a sensación que supera incluso a nosa. Había moitísimo ambiente todos os días en múltiplas zonas. Tamén o atrevemento para estar na rúa tomando os pintxos e os viños a pesar das temperaturas xélidas. Mesmo vimos camisetas e pantalóns curtos. Si, hai tópicos que se cumpren, haha. Ben, e por suposto, a calidade da cociña vasca e o seu gusto pola innovación e as combinacións aínda mantendo a esencia. Son uns mestres gastronómicos, sen dúbida.
Mil millóns de grazas polas vosas lecturas. Recordade que todo isto sen vós por detrás non tería sentido ningún. Fortísima aperta!

4 comentarios:

  1. Alégrame moito que che prestarán as paparotas no país Vasco. Para a próxima ocasión recoméndote que provea Unha sidrería

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi ben, queda anotado, que quedamos con ganas de volver!
      Apertas e grazas por lernos!

      Eliminar
  2. Me alegra que hayais tenido tanto exito en la universidad seguro que los alunnos no dejaron de haceros la ola y no solo por esas lambetadas que le teniais preparadas para rematar .
    Que de cosas ricas habeis comido para no variar me teneis con las babas hasta las rodillas , por cierto hace años que hago y publique la receta de Gouxa en el blog pero como tarta a la cazuela que es como se la conocia aqui desde que un pastelero de Bilbao se instalara aqui y formara parte de su escaparate de postre , uummmmmm que rica esta miña madriña , me alegra que hayais disfrutado tanto de la gastronomia y de euskadi.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas, Chus! A verdade é que foi unha experiencia única, un auténtico pracer!
      Por habemos buscar a túa receita do Goxua para inspirarnos!!
      Apertas!

      Eliminar