martes, 19 de decembro de 2017

Galletas de xenxibre

Bolboreteir@s! Segue a conta atrás para as comiolas máis potentes do ano, tamén as que serven para despedilo así que imos procurar facelo de forma moi saborosa.
Hoxe cunha receita ideal para @s que tedes peques na casa, xa que seguro que adoran o boneco de xenxibre, que non ten unha longa tradición en Galiza mais que se foi incorporando como símbolo natalicio a través de deseños, filmes e rede. Non ten, iso si, aínda apenas visibilidade na nosa repostaría mais nós quixemos facerlle un oco en Bolboretas no bandullo co obxectivo de lanzalo até os vosos fogares.
Xa sabedes, o boneco de xenxibre nace no conto de Nadal no que sae con vida do forno da avoa procurando fuxir mais remata co desenlace agardado para calqueira larpeirada, sendo devorado.
Hai que dicir, que aquí tampouco fuxiu ningún. Bonecos ao bandullo!
Ollade que receita máis divertida e apetitosa!



Galletas de xenxibre



Ingredientes:


  • 260 g de fariña
  • 150 g de manteiga
  • 100 g de azucre moreno
  • Unha culleriña de bicarbonato
  • 1 culleriña de xenxibre en po
  • 1 culleriña de canela en po
  • 1 ovo 
  • Un chisco de sal
  • Para decorar (opcional): lapis de crema de cores. 


Utensilios: unha cunca, un garfo, moldes de galletas, un rolete, unha bandexa de forno e papel vexetal. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a fariña, o azucre, o bicarbonato, o xenxibre, a canela e o sal.


A continuación, engadimos o ovo batido e mesturamos moi ben. 


Agregamos a manteiga en pomada e, coa axuda das mans, amasamos até obter unha masa lisa e homoxénea. 




Estiramos sobre papel vexetal e dámoslle forma cos moldes para galletas. 


Enfornamos, co forno prequente, a 170º durante 15 minutos. 


Deixamos que arrefríen un pouco e decoramos cos lapis de crema de cores.


E xa estarían listas para comer! Ollo que papar un boneco enteiro ten o seu, eh! Dá un pouquiño de mágoa con esa cara de bondade e alegría que teñen mais o primeiro é o primeiro e unha larpeirada non se perdoa. A por ela! E como sempre vos dicimos, a gastronomía entra mellor con literatura, velaí vos deixamos unha versión-tradución que fixemos do conto tradicional que aparece por primeira vez en 1875, no relato "The gingerbread boy".


Un bo día, unha velliña e un velliño que vivían nunha antiga casa decidiron cociñar algo especial ante a visita do seu neto.
Despois de moito matinar, decidiron preparar galletas de xenxibre.
- Farémola con forma de boneco- dixo ela.
Amasaron entre os dous e mentres el ía dando forma a avoa foi preparando o forno.
Ollaban entretidos como medraba o boneco até que comezaron a escoitar unha voz do interior.
- Axuda! Deixádeme saír!
Estrañados, decidiron achegar a cabeza e abrir a porta, momento en que o boneco aproveitou para saír dun chimpo dirixíndose á saída.
Colleu o sendeiro máis próxima á casa mentres os anciáns apuraban detrás berrando: -para, queremos paparte!
Porén, non o daban alcanzado mentres fuxía cantando de felicidade: - correde, correde, nunca me poderedes coller!
Polo camiño encontrouse cunha vaca que muxía e que lle dicía: -alto, homiño, quérote papar. Pareces moi apetecíbel!
Con todo, el repetía: - correde, correde, nunca me poderedes coller! Son o homiño de xenxibre!
Isto mesmo sucedeu cun cabalo. 
Até que se encontrou cun raposo que lle insistiu: - Para, para!
O boneco seguiu correndo, mais desta volta tiña un duro perseguidor pois o raposo era moi veloz. Continuaron un detrás do outro até que chegaron ao río, momento no que o boneco dubidou que facer, aproveitando o animal a oportunidade para lle suxerir un plan sorrindo:
- Se saltas na miña cola levareite até o outro lado.
Foron adiante mais a medio camiño o raposo comentoulle:
- Pesas de máis para a miña cola, sube ás costas! 
Así o fixo até que, canso, lle dixo de novo o raposo:
- Pesas moito no meu lombo, levareite sobre o fociño.
E o boneco saltou ao nariz do golpe. 
Por fin chegaron até o outro lado do río cando o astuto animal abaneou a cabeza saíndo o boneco polo aire. De súpeto, escoitouse "crack". Nun abrir e pechar de ollos, metérao na boca, chantándolle o dente para papalo. 
Así foi como o boneco acabou sendo degustado, non polos vellos cociñeiros, senón por este larpeiro raposo.

2 comentarios:

  1. Me encantan las galletas de jengibre uuummmmm y el cuento muchas gracias por traducirlo no lo conocia .
    Os deseo unas muy felices feistas y un prospero año 2018 .
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Bo Nadal e Feliz 2018 cheo de receitas! E mil grazas por lernos sempre!

      Eliminar