martes, 7 de marzo de 2017

Bágoas de polo enflocadas

Nós xa retornamos da nosa viaxe ao norte de Portugal cunha chea de ideas para o blogue e co bandullo ben cheo pois gozamos inmensamente da gastronomía lusa. Ora ben, aínda temos moitos manxares por vos presentar dos preparados nestas últimas semanas.
Entre eles, escollemos hoxe un ben gorentoso, sinxelo e económico no que ofrecemos outra dimensión ao polo con esa textura crocante que achegan os flocos de millo. Hai temo que vimos vendo como moit@s blogueir@s e cociñeir@s optaban polo millo para o recuberto de diferentes carnes ou peixes e nós tiñamos xa o antollo. Con todo, non tiñamos claro o enfoque até que un día recordando algún dos pratos probados por aí adiante lembramos as "lágrimas de pollo" de Sevilla.
Foi, por tanto, cuestión de unir elementos e darlle execución á idea que pouco tiña de arriscado e si moito de apetitoso.
Por aquí somos uns grandísimos seguidores dos flocos de millo mais até agora non probáramos esta opción que reforza a nosa idea de grandísimo recurso para a cociña. Na nosa lacena sempre hai oco para unha bolsiña deste cereal, que vos recomendamos preparar na tixola e non mercar estes sacos para preparar no micro, que traen uns engadidos non moi saudábeis. Aí vai, nova delicia!



Bágoas de polo enflocadas



Ingredientes (para 2 persoas):



  • 2-3 filetes de peituga de polo
  • 1 cunca de flocos de millo
  • 1 ovo batido
  • 4-5 culleradas de fariña
  • 1/2 culleriña de ourego
  • 1/4 de culleriña de cúrcuma
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite para fritir
  • Salsas (opcional)

Utensilios: unha picadora, un prato, unha tixola, papel absorbente e unha fonte.  


Elaboración: 

Para comezarmos, temos de facer os flocos de millo (mellor se son os grans e non de bolsa para facer no microndas). Picamos un pouco coa picadora (ou cun coitelo) e reservamos. 


Cortamos as peitugas en tiras e adobamos coa cúrcurma, o ourego, a pementa moída e o sal. 



E pasamos a peituga por fariña. 


Por ovo. 



E polos flocos de millo. 


Rustrimos nunha tixola cun pouco de aceite até que se douren ben, pasámolos por papel absorbente e servimos acompañados dalgunha salsa. E xa estarían listos para comer!


A verdade é que o seu sabor é moi sorprendente. Seguro que se os facedes vos van encantar! 


Non vos está entrando xa un pouquiño de fame? Pois a realidade supera a imaxe neste caso pois a sensación a cada bocado é de contraste entre o crocante exterior e a tenrura interior, facendo un prato moi divertido de comer para as crianzas e para todas aquelas persoas que gusten de probar novas combinacións na cociña.
Agardamos que lle tiredes proveito á receita e que nos contedes como foi a vosa posta en práctica. De seguro que vos queda impresionante. Boa semana, bolboreteir@s!!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmm ponerme un plato a la mesa que esta noche me teneis ahi a cenar ,seguro que estan de rexupete ,os han quedado de relujo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Mil grazas! A verdade é que están deliciosos e son un vicio 😍😍😘

      Eliminar