martes, 20 de decembro de 2016

Pan rápido de sementes

E logo, que fai unha receita de pan nesta época natalicia? Pois explicámosvos de onde xurdiu a nosa idea. Após o exceso de Noiteboa e Fin de Ano chegan os xantares familiares de Nadal e Ano Novo. Pois como ben sabedes, nese día seguinte en moitas ocasións, especialmente en Ano Novo, resulta moi complexo facerse con pan fresco pois case todas as panadarías non abren, nunha lóxica xornada de descanso.
O que adoitamos facer por aquí é aproveitar pan que temos conxelado ou o pan sobrante do día anterior. Porén, pensamos nunha outra posibilidade máis saborosa. Por que non facermos o pan nesas xornadas? Pensaredes que non é día para se pór a amasar pois xa hai moitas cousas das que estar pendentes. E pensades ben, por iso preparamos un pan de elaboración rápida que non precisa nin tempo de lévedo. En apenas 15 min seremos capaces de preparar un pan digno da mellor panadaría! O resto, xa é cousa do forno. Nós ficamos gratamente sorprendidos pois levamos preparado centos de receitas de pan e curiosamente esta, que é a máis rápida e sinxela, se converteu nunha das mellores pois o pan garda un sabor intenso e o miolo fica esponxoso. Si, sorprendente. Aí vai!


Pan rápido de sementes


Ingredientes:

  • 310 g de fariña
  • 175 ml de auga
  • 15 g de lévedo fresco
  • 1 cullerada de aceite
  • Un chisco de sal
  • Sementes ao gusto (sésamo)


Utensilios: dúas cuncas (unha grande e outra pequena), unha culler de pau (ou espátula), un molde apto para microndas con tapa (ou papel de aluminio) e unha bandexa de forno. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de  mesturar a auga co aceite e quentálo uns segundos no microndas. 


De seguir, agregamos o lévedo e disolvémolo ben. 


Pasamos a auga co aceite e o lévedo a unha cunca máis grande e engadimos a fariña, as sementes e o chisco de sal. 


Mesturamos coa culler de pau e despois pasamos a unha superficie lisa enfariñada. 


Amasamos até integrar ben todos os ingredientes e dámoslle a forma que queiramos adaptándonos ao molde que imos utilizar. Facémoslles uns cortes na superficie. 


Botamos un pouco de aceite no molde, poñemos a masa, botamos máis aceite sobre o pan e un chisco de fariña e tapamos coa tapa do molde ou con papel de aluminio, como vedes, nos escollemos a esta segunda opción. 


Metemos no forno, que debe estar apagado, e poñémolo a 220º, calor arriba e abaixo, durante 40-45 minutos. Se usades papel de aluminio, quitádeo 5 minutos antes para que doure ben o pan. Pasado ese tempo, quitámolo do forno e deixámolo arrefríar sobre unha reixa. 


Despois, xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste!! 


Apto para todo tipo de cociñeir@s e non cociñeir@s e ideal para comidas en que nos quedamos sen pan e non temos panadarías abertas ou non nos apetece baixar compralo. Se finalmente acabamos antes mesturando ingredientes, amasando un bocadiño e metendo ao forno!
Agardamos que vos poda ser de utilidade este pan rápido con sementes e sobre todo que pasedes unhas moi boas festas coa vosa xente! Lémonos, amig@s!!

6 comentarios:

  1. Te ha quedado divinisimooooo y no dudo ni un segundo que este de muerte relentisima.
    No creo que pueda volver a pasarme asi que aprovecho y te deseo unas felices fiestas y un prospero año nuevo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas e igualmente Chus, pasa un Bo Nadal e que o 2017 só traia cousas boas!! 😍

      Eliminar
  2. esa miga es de lo mas tentadora, se ve un pan bien rico. Bicos y felices fiestas.

    ResponderEliminar
  3. Veño de descubrir esta bitácora, ben interesante por certo. Que tipo de fariña recomendas para cocer pan? Fariña de forza, de repostería, ou unha mestura das dúas? Boas festas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Para esta receita, utilizamos fariña de trigo normal. Para cocer pan, é mellor a de forza que normalmente vai mesturada coa de trigo. A de repostaría só a utilizamos para algún biscoito 😉
      Agardamos terche sido de axuda, benvida e por aquí estamos para o que precises 😘😘
      Mil grazas

      Eliminar