martes, 22 de novembro de 2016

Polenta frita

Bolboreteir@s, que contentos andamos agora que se achega o LGx15 Ideas para o futuro da lingua. Recordade que este xoves estaremos, a partir das 18:00h., pola sala Capitol de Compostela con xente como Elena Ferro, Rosalía Fernández Rial, Marcus Fernández, Mark Wiersma, Belén Regueira, María, Yañez, Alberte Lamazares. Ademais, o evento organizado pola CTNL contará coa música de Poetarras e cos regueifeiros Josinho da Teixeira e Luís O Caruncho. Que ganas de que chegue! Aínda vos podedes facer coa vosa entrada en A Reixa Tenda ou no web da Sala Capitol.
E mentres tanto, pasamos o tempo argallando na cociña con novos produtos e novas receitas. Desta volta tocou a polenta. Hai un par de semanas, regalounos unha amiga unha pouca que tiña pola casa para que probaramos. Nunca antes a degustáramos nin moito menos a cociñáramos así que procuramos un pouco pola rede as opcións de preparado e, optamos por algo rápido para acompañarmos a cea. 
Sorprendeunos porque presenta un sabor moi moi suave, que se adapta perfectamente a calquera produto. Hai que ter en conta que é un alimento orixinario do norte da península itálica cun longísimo percorrido histórico en diferentes territorios, pois consiste na simple cocción de fariña, algo que xa se realizaba na Antigüidade Clásica.
Pois nós, ao ser a primeira vez, non lle engadimos apenas nada para a preparación, mais é certo que a polenta é un alimento ideal para lle mesturar salsa ou outros ingredientes. Animámosvos pois a creardes con ela e analizardes de primeira man (ou de primeira lingua ;-)) as súas posibilidades. Imos alá!



Polenta frita


Ingredientes:

  • 400 ml de auga
  • 200 g de polenta
  • 1 cullerada de manteiga
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite
  • Para acompañar: salsas ao gusto (opcional)



Utensilios: un cazo,  papel vexetal, papel absorbente unha culler de pau e unha tixola.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de ferver a auga nun cazo. Cando ferva, engadimos a polenta. 


Remexemos durante un par de minutos e xa imos ir vendo como espesa pouco a pouco. Cando estea espesa, engadimos a manteiga e a pementa moída e o sal ao gusto. Mesturamos ben e retiramos do lume.


Botamos a polenta sobre papel vexetal e estirámola ben, deixamos que teña 1 cm de grosor, máis ou menos. 


Refrixeramos, aproximadamente, 1 hora, até que solidifique ben a polenta. Cortámola en bastóns.


E fritimos os bastóns nunha tixola cun pouco de aceite quente. 


Sacámolos para un papel vexetal, para eliminar o aceite sobrante. Servimos nun prato ou nunha fonte e xa estaría preparada para comer! Podémola comer así soa ou, como non ten un sabor moi intenso, acompañala dalgunha salsa que nos guste. 



Parece apetitosa, non é? Pois agora que xa coñecemos a súa preparación básica, han de ser varias as receitas de polenta pois cremos que pode dar moitas alegrías por esta cociña. Mentres tanto, seguimos desfrutando deste petisco supersaudábel e sinxelo para as ceas. 
Agardamos que o desfrutedes, poñades en práctica e nos contedes os resultados. Unha forte aperta, bolboreteir@s. Lémonos!

2 comentarios:

  1. La de tiempo que no preparo la polenta frita y una salsa que venia en mi caja de la xuntanza es para comer con ella a ver si me pongo las pilas y la preparo por que seguro que estar de muerte relenta con ella , una pena no poder meter la mano y llevar esta que has preparado tu seguro que estaba de muerte relenta.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar