martes, 9 de agosto de 2016

Pizza na tixola

Bo día, bolboreteir@s!!! Como levades agosto? Nós moi ben, sen dúbida. Entre aniversario e a chea de festexos que hai, isto é un alegría continua.
Xa había tempo que non vos traiamos unha pizza e iso non pode ser porque para nós é un dos grandes inventos gastronómicos da historia e un dos nosos pratos preferidos. O que sucede é que non existe número para contabilizar os mil tipos de pizza que hai, tanto de sabores como de xeitos de facer, e a nós gústanos ir probándoos todos pouco a pouco.
Tiñamos antollo hai tempo de facer a pizza dunha forma que xamais probáramos, nin a preparación nin a degustación: pasada pola tixola. Nós, como a maioría, sempre a facemos no forno eléctrico e cando temos oportunidade de ir á aldea, no forno de pedra, logrando sabores excelsos. Porén, nunha nos dera pola tixola.
A diferenza nótase. Xa quedará no voso padal se para ben ou para mal. Nós non escollemos. Simplemente... percíbese unha diferenza significativa que chama a atención. A masa fica bastante máis crocante, sobre todo por abaixo e cremos que se crean uns contrastes moi interesantes. 

Pizza na tixola


Ingredientes:


Para a base:
  • 200g de fariña de centeo integral
  • 200g de fariña de trigo
  • 100 ml de auga
  • 1 cullerada de lévedo en po
  • 1 cullerada de aceite
  • 1/2 culleriña de allo
  • Un chisco de pementa moída
Para o recheo:
  • 2-3 lascas de pavo
  • 1 tomate
  • 1/2 cebola
  • Pemento vermello
  • Salsa de tomate
  • Queixo ao gusto
  • Ourego
Utensilios: unha cunca, un rolete e unha tixola. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a masa da pizza. Para iso, temos de mesturar as fariñas co aceite, o allo, o lévedo e a auga. Amasamos até obter unha masa homoxénea. Tede en conta que ao utilizar a fariña de centeo, a masa quedará máis compacta. Deixamos repousar 10-15 minutos.
Así mesmo, podedes utilizar a masa que máis vos guste, coa que facedes normalmente a pizza. 




Pasado ese tempo, estiramos a masa coa axuda do rolete e colocámola na tixola. A nós quedounos un pouco máis grande que a tixola e fixémoslle os bordos. 


E comezamos a pórlle os ingredientes do recheo que, coma sempre, esta é unha opción, podedes utilizar os que máis vos gusten. Nós puxemos 2-3 culleradas de salsa de tomate (para que a masa sexa máis saborosa), un tomate en lascas e un chisco de ourego. 


Despois engadimos un pouco de mozzarella, o pavo cortado en anacos, pemento asado en tiras e a cebola tamén cortada en tiras. 


Botamos un chisco máis de queixo e acendemos o lume, poñémola a lume medio-baixo (a nosa cociña é de indución e vai do 1 ao 12, puxémola ao 4) durante 30 minutos. Á metade da cocción, tapamos a tixola para que se fundira mellor o queixo. 


E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste e que a probedes a facer na casa! O resultado encantaravos!!


Xa vedes como ficou branquiña por arriba. Con este sistema, recibe moita temperatura por debaixo, por iso é recomendábel non botar ingredientes que precisen moita cocción como podería ser o polo pois sería complicado pola falta de alta temperatura pola parte superior. Porén, para produtos como os que aquí utilizamos non hai problema, pois chega co calor inferior da propia tixola, que fai que nos quede unha masa crocante e chea de sabor. Fortes apertas, amig@s!

2 comentarios:

  1. Agora xa hai peituga de polo en lata, e pavo, etc.
    A min gústame que os ingredientes de encima estean cociñas e crocantes, embora esta é boa receita para que non ten forno.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non quedan tan crocantes non, mais están deliciosos igual! Proba, xa verás como che gusta ;)

      Eliminar