sábado, 13 de agosto de 2016

Torta de chocolate e crema de cacao

Hoxe é un deses días en que os bolbereteir@s máis larpeir@s se poñen supercontent@s pois traemos unha nova oda ao chocolate. Cacao, chocolate, crema de cacao, galletas Oreo, galletas Príncipe... Parece unha festa chocolateira e así foi. Puxémonos tod@s as botas con esta creación. 
Proba do boa que está esta torta é que, dos 13 comensais que había na mesa, boa parte deles repetiron sobremesa. 
Ademais, que o pasamos xenial facéndoa e aproveitando todo o que ía sobrando. Si, esta é unha estraña manía que temos algúns cociñeir@s na cociña. Sobre todo, @s que somos moi lambóns.
Por aquí, os aniversarios caracterízanse pola dozura xa que adoita haber máis dunha torta. Canto menos unha para a celebración en familia e outra para a celebracións coas amizades. E nós aproveitando para crear novas receitas para Bolboretas no bandullo. E se saen tan saborosas coma esta...


Torta de chocolate e crema de cacao


Ingredientes:

Para a base:
  • 200g de galletas Oreo
  • 200g de galletas Príncipe
  • Leite (opcional)
Para o recheo:
  • 800ml de nata
  • 400g de crema de cacao
  • 100g de chocolate
  • 100ml de leite
  • 4 ovos
  • 9-10 láminas de xelatina neutra
Para a decoración:
  • 180g de azucre
  • 145ml de auga
  • 120ml de nata
  • 60g de cacao puro
  • 6 láminas de xelatina neutra
  • Boliñas de chocolate de cores (opcional)
Utensilios: molde de 30cm, picadora, batedor eléctrico, varias cuncas, un cazo, unha culler, unha espátula. 


Elaboración:

Para comezarmos temos de facer a base da nosa torta. Para iso, temos que triturar coa picadora todas as galletas. Neste caso, non utilizaremos manteiga porque coa crema das galletas xa se unen, mais podedes botar un par de culleradas de leite se vedes que non pegan ben. Botámolas no fondo do molde e apretamos moi ben. Refrixeramos mentres seguimos co resto dos pasos.









A continuación, temos de facer o recheo. Metemos as láminas de xelatina nunha cunca con auga fría e reservamos.


De seguir, quentamos o leite e as xemas dos ovos, sen deixar de remover para que non callen os ovos. Cando estean quentes, engadimos o chocolate e mesturamos até que se funda. Despois engadimos a crema de cacao e mesturamos de novo. 








Cando estean ben integrados, retiramos do lume e engadimos a xelatina, mesturamos até que se desfaga.



A continuación, montamos as claras e integrámolas coa crema de chocolate e crema de cacao. 







E, de seguir, montamos a nata e mesturámola tamén coa crema anterior. 



Botamos a mestura no molde e refrixeramos, como mínimo, 5-6 horas para que calle ben o recheo. 


Para facer a cobertura, temos que hidratar as xelatinas e mentres tanto quentamos a nata, a auga, o azucre e, cando comecen a ferver, engadimos o cacao en po e mesturamos ben para que se integren todos os ingredientes. Recomendámosvos peneirar o cacao para que se desfaga mellor.



Cando teñamos a crema feita, botámola sobre o recheo. Refrixeramos de novo 3-4 horas.


Decoramos a torta coas boliñas de cores (ou con abelás, améndoas, coco ou o que máis vos guste) e xa estaría preparada para comer!


Agardamos que vos guste e que a desfrutedes en boa compaña. 


Pode parecer unha torta laboriosa mais os pasos son todos moi sinxelos e aínda que son varios, merece moito a pena polo premio final que obtemos. Unha das tortas máis saborosas xamais feitas en Bolboretas no bandullo. Ou iso dixeron algúns dos catadores e catadoras.
A verdade é que ten de todo: cremosidade, suavidade a pesar de tanto chocolate, dozura... É complexo repetir tortas con tantas que facemos, mais para esta hai que sacar un oco si ou si.
Pasade unha moi boa ponte e desfrutade de tanta festa como se aveciña. Iso si, sempre acompañada dunha boa sobremesa. Un bico para tod@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario