Chegou o sábado e con el unha receita que morriamos de ganas de vos presentar. Porque xa vos coñecemos e sabemos que sodes moi larpeiros.
Para luns, 25 de xullo, celebramos o Día da Patria. E para o ir preparando como corresponde pensamos nunha das bebidas identitarias d@s galeg@s, o licor café, e pensamos en darlle forma nunha lambetada. E que se nos ocurriu? Pois estes caramelos de goma que tanto adoramos desde peques e que con este toque de licor café se converten nunha larpeirada de país.
Si, esta delicia pode pórlle un toque de simpatía e de dozura ao noso menú do día 25. E si, seguro que sorprendedes as persoas que estean á mesa. Iso seguro.
Ademais, quen non soñou algunha vez con preparar "gominolas" na casa? Pois botando man do artigo de hoxe isto xa é posíbel con pouquísimo traballo. Ademais, intuímos que esta receita se vai converter na larpeirada oficial de todas as festas galegas. E senón... tempo ao tempo, haha! Tamén, deixámosvos a ligazón para poderdes ver a receita en Youtube: Lambetadas de Licor Café.
Lambetadas de Licor café
Ingredientes:
- 100g de azucre
- 50 ml de auga
- 1 sobre de xelatina neutra
- 3 culleradas de Licor café
- 2 culleradas de vainilla
- Para decorar: 50 gr de azucre (opcional)
Utensilios: unha cunca, un cazo, un molde de silicona e un batedor manual.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de botar o azucre e a xelatina.
Engadimos a auga, o licor café e a vainilla. Unhas tres culleradas de licor café chegan para lle dar o toque. Se sodes moi cafeteiros, podedes aumentar pouquiño mais non vos botedes! Que nos coñecemos... ;-)
Mesturamos todo co batedor manual.
Botamos a mestura nun cazo e quentámolo, a lume medio, até que se derreta o azucre e todos os ingredientes estean integrados.
Repartimos a mestura no molde de silicona; se o tedes liso, utilizádeo igual. Nós aproveitamos este que tiñamos de facer bombóns. E non vos preocupedes pola escuma, cando as lambetadas estean listas, quitámoslles esa parte cun coitelo. Refrixeramos durante 3 horas.
Pasado ese tempo, retiramos a escuma e, se queremos, rebozámolas en azucre. Desta volta, fixemos metade con e metade sen. A verdade é que nos gustaron máis sen azucre porque xa son doces por si soas.
E xa estarían preparadas para comer! Que aproveite.
Licor do negro café, que me tumbas que me matas... licor do negro café, fasme andar a catro patas! Lara-lara-larará-lalaralaralalala! Non pensedes que nos sentou mal eh! De feito, deron vida, haha!
Non nos digades que non estades devecendo por probar unha? Na nosa casa xa foron a sensación da semana e tamén entre as amizades. Esta receita, de seguro que non pasa desapercibida! E coas lambetadas de licor café, bandeira aos ombreiros, xa temos para un 25 de xullo como ten que ser! Apertas, bolboreteir@s!
De buena gana daba cuenta de ellas ahora después de la paella que me acabo de meter entre pecho y espalda jajaa.
ResponderEliminarSeguro que estarán de rexupete cuando esté en casa las voy hacer,os han quedado de relujo .
Feliz domingo wapa@s.
Que ben que che gusten!! Xa nos contarás como che quedaron!!
Eliminar😘😘