sábado, 4 de xuño de 2016

Migas larpeiras

Xa sabedes que en Bolboretas no bandullo encontrades moi diferentes receitas. Pratos estranxeiros, pratos tradicionais, versión de outros autores ou autoras adaptadas… mais talvez cun dos momentos que máis desfrutamos é co de inventarmos e argallarmos lambonadas que saen do noso maxín. 
E se isto o facemos aproveitando sobras, a alegría acaba por ser inmensa. Recordades o bolo-pizza de pepperoni, verdade? Pois se lembrades, un dos pasos era retirar o miolo e este nunca volveu aparecer en escena. Mais nada de tiralo, non. No momento non tiñamos tempo para facer nada con esa miga polo que o mandamos para o conxelador.
Pasados uns días, retiramos e matinamos sobre que elaborar. A verdade é que estabamos imaxinativos porque xurdiron dúas ou tres ideas. Porén, houbo unha que se mereceu a posta en práctica por ser a máis doce. Que xa sabedes como nos pomos nós co doce…
Aquí vos vai o resultado desta enxeñosa sobremesa. Et voilà!



Migas larpeiras


Ingredientes:

  • 200 gr de miga de pan
  • Unhas onzas de chocolate
  • Aceite para fritir
Para o caramelo ao microndas:
  • 100 gr de azucre
  • 20 ml de auga


Utensilios: unha tixola, unha (ou dúas) cuncas, unha culler, unhas tenaces, un prato, papel absorbente e papel vexetal. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de amasar a miga até facela máis manexábel. Despois, collemos pequenas porcións, do tamaño dunha albóndega, aplastalas coa man e pórlles no centro unha onza de chocolate. Nós, nesta ocasión, escollimos chocolate recheo de caramelo tamén.


Coa axuda das mans, apertamos ben para que quede ben tapada a onza, mais hai que ter coidado de non romper moito o chocolate. E facemos iso até acabar a miga.


Nunha tixola con abundante aceite quente, imos fritindo as migas até que se douren por todos os lados. Poñémolas sobre papel absorbente e reservamos.









Mentres arrefrían un chisco as migas recheas, preparamos o caramelo no microndas. Para iso, mesturamos o azucre coa auga e quentámolo no microndas durante 4-5 minutos a media potencia. A partir do minuto 3, temos que estar moi pendentes para que non se queime.



Lembrado que hai que ter moito coidado ao traballar co caramelo porque queima moito. Por isto, despois de ter o caramelo feito e, coa axuda duns tenaces, imos somerxindo as migas nel. Colocámolas sobre papel vexetal até que endureza o caramelo, non tardará moito tempo. De seguir, colocámolas nun prato e xa estarían listas para comer! 




Non vos parece unha descuberta? Pois cando probedes habedes de vos sorprender aínda máis. O mellor é poder aproveitarmos o que sobra doutro prato para crearmos unha nova receita. Aínda que o miolo do pan non se adoita desperdiciar, si é certo que podedes retirarllo unha vez para probar esta lambonada. Ou se tedes pan vello que ides tirar, darlle unha outra oportunidade ben doce e saborosa.
Quen sabe, igual triunfa esta receita e acaba por ser xa tradicional dentro de centos de anos, hahaha. 
Sexa como for, ben que a desfrutamos preparando, degustando e sobre todo, comentándoa con vós. Seguimos léndonos!

4 comentarios:

  1. Guuuaaaauuu sin palabras me dejas eso sí que es reciclaje del bueno nunca se me habría ocurrido hacer algo así.
    Te han quedado de relujo no lo siguiente.
    Bicos mil y feliz finde wapisim@s 😘

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Mil grazas! Hai que aproveitar todo, aquí non se tira nada!! E o resultado foi espectacular!
      Apertas 😘😘

      Eliminar
  2. Las tengo que hacer si o si, me quedado con un antojazo brutal! gracias por compartirla

    Un abrazo ^-^

    ResponderEliminar