martes, 8 de marzo de 2016

Das nosas receitas preferidas... Parte I

Vaia, pois hoxe imos cambiar a dinámica. Tranquil@s, as receitas non han faltar, de feito veñen en conxunto, nunha selección inmellorábel de Bolboretas no bandullo.
Ter un blogue de cociña é fantástico xa que nos "obriga" a estar continuamente xogando cos ingredientes e, desta forma, probando moitas combinacións e produtos novos. Tamén ten a vantaxe de que non podes aborrecer comendo sempre os mesmos pratos porque debemos variar para ter receitas novas para compartir, aínda que algunhas veces isto é un inconveniente porque algunhas das elaboracións quedan tan saborosas que che gustaría volver a elaboralas cada semana, hahaha. 
Desta forma, hoxe quixemos facer unha recompilación dalgunhas das nosas receitas preferidas; sabemos que quedan moitas no tinteiro (pizza, coca, pastel de carne, galletas salgadas etc.) mais, senón, esta entrada non tería fin ;) 


As receitas salgadas preferidas


Spaguetti de cabaciña con tomate seco


Esta receita foi un total descubrimento, vímola nun programa de cociña e decidimos probala para saber que tal, e ficamos encantad@s co seu sabor. Este prato é perfecto para introducir máis verduras na nosa alimentación e ademais é moi saudábel, algo moi importante. Ademais, admite moitas combinacións e, por iso, recorremos a el os días que non temos moito tempo de cociñar e nos apetece algo moi saboroso. Seguramente unha das mellores formas de degustar cabaciña, especialmente para @s peques.



Pastel de verduras


Como podedes comprobar despois de todo este tempo, as verduras non poden, nin deben, faltar da nosa alimentación e este pastel é unha forma xenial para comelas, alén de que podemos utilizar as que máis nos gusten para que sexa un prato moi persoal e saboroso. E ese follado... tórnase imprescindíbel co crocante e coas láminas desfacéndose en cada bocado...
Desde logo, o concepto de pastel é revisado profundamente nesta elaboración.


    

Arroz cremoso de forno ao parmigiano


Temos de recoñecer que non somos uns grandísimos amantes do arroz mais este prato tennos namorad@s, tanto pola súa cremosidade, coma pola combinación de ingredientes, que resulta perfecta. É un prato que nos gustaría facer máis xa que nos encanta. Ideal para cando temos convidad@s na casa xa que é bastante orixinal, moi gorentoso e ademais rinde moi moi ben e teremos para satisfacer varios comensais. 


Palmeiras salgadas


Esta é unha das receitas que máis repetimos xa que son tan fáciles de facer e sácannos de tantos apuros... É perfecta para cando imos comer á praia, ou facemos excursións, ou organizamos comidas/ceas con amig@s, ou para comer no traballo... case para todas as ocasións. E, alén disto, resulta moi versátil xa que podes xogar e variar moito cos ingredientes para facelas doces ou salgadas, ou tamén para facelas máis ou menos saudábeis. Ademais, pola nosa experiencia, aos nenos e nenas encántalles argallar na cociña con larpeiradas coma estas.

Empanada de grelos e cogomelos


Que ricas están as empanadas, verdade? A fin de contas, é un dos produtos galegos por excelencia, unha xoia a venerar con certa frecuencia. E, igual que pasaba coas palmeiras, son perfectas para levar cando comemos fóra ou cando organizamos comidas para bastantes persoas xa que, aínda que levan algo máis de traballo, son deliciosas e podemos variar os ingredientes segundo os nosos gustos. Adoitamos recorrer a elas posto que son parte da nosa identidade gastronómica, aínda que é certo que en moi poucas ocasións nos lembramos dos grelos nela, a pesar do enorme éxito.

Pescada en mollo verde


Que sabor suave presenta sempre a pescada, e máis se a acompañamos cunhas ameixas e unhas gambas con ese mollo de cebola, allo, viño, pirixel... non se vos fai a boca auga? A nós si, hahaha! O peixe é unha das nosas materias pendentes na cociña xa que, aínda que nos gusta, non o preparamos coa frecuencia que deberíamos, mais, pouco a pouco, imos traballando máis con el para aprender, darlle máis protagonismo na nosa dieta e tamén traervos así máis receitas do estilo.
 

Canelóns recheos de polbo á mugardesa con salsa de queixo


A pasta, sen dúbida, é un dos nosos pratos preferidos en todas as súas formas e, de a xuntarmos con polbo, verduriñas e queixo xa é a combinación perfecta. Unha delicia dificilmente inigualábel mais que cómpre recoñecer que non é prato de acotío xa que precisa dunha certa dedicación. De feito, desde aquela elaboración, non tivemos ocasión de repetir (mais xa estamos buscando a escusa, haha). 
O que si, cremos que pode actuar como unha das mellores opcións para unha cea en grupo, polo novidoso que resulta o sabor e a combinación.


Biscoito de nabizas enrolado


Como nos gusta xogar coa comida e cos ingredientes para facer pratos espectaculares, coma este, para poder soprender aos/ás comensais. A verdade é que este é unha auténtica delicia, cun biscoito con sabor intenso mais que combina á perfección co recheo, qándolle un toque máis fresco e lixeiro. E, alén do sabor, cómpre sinalar que chama bastante a atención o seu aspecto e esa cor verde tan intensa. Si, soa raro biscoito de nabizas, mais se o probas, pasará a formar parte do teu recordo gastronómico (para ben, eh!)

Falsas madalenas


Que momento tan divertido cando presentamos estas madalenas como aperitivo nunha cea con amig@s, hahaha! Que cara de sorpresa tiñan!! Para nós, unha parte fundamental da cociña é sorprender, alén de que os produtos sexan saborosos. E, como podemos ver, podémolo facer facilmente, sen complicarnos demasiado.


Croquetas de cogomelos


Nunca vos dixemos que somos fanátic@s das croquetas?? Pásanos como a Chicote, se na carta dun restaurante vemos as palabras "Croquetas caseiras" non nos podemos resisitr a probalas. Porén, tamén é un recurso ao que sempre acudimos na casa, xa que as facemos de cando en vez e conxelámolas para telas sempre á man. Neste caso, tamén xogamos moito cos ingredientes: de cogomelos, carne picada, xamón, queixo, verduras... de calquera forma nos gustan :D


Ben, xa nos diredes cal é a vosa preferida, cal probastes até agora, cal tedes pensado facer proximamente... A nós, a verdade é que nos encantaron todas. E diredes, e como a estes dous lles pode gustar todo? Pois non, todo non nos gusta, mais todo o que penduramos no blogue, si, haha.
Tiñamos ganas hai tempo de escribir un artigo un tanto diferente, que dese a coñecer as nosas preferencias entre xa tantísima receita, para así saberdes tamén un pouco máis de nós.
Iso si, xa sabedes que ante todo, somos lambonciñ@s profesionais, polo que non ha de tardar en completarse a entrada de hoxe cunha outra dedicada ao doce, mmmmmm...
Agardamos que lle encontredes interese. Lémonos amig@s!!!

10 comentarios:

  1. vaya despliegue de buenas recetas, que cual me gusta mas? realmente me gustan todas, pero esas croquetas de cogomelos es que me estan llamando! son pura tentacion, biquiños

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha, a nós pasounos igual ao escollelas. Para nós as croquetas son unha tentación tan grande.... hahaha!
      Grazas e bicos!

      Eliminar
  2. ¡Menos mal que acabo de desayunar! En caso contrario, se me abriría el apetito y tendría que ir rápido a abrir el frigorífico para encontrar algo que comer.
    Todos esos platos me parecen tan atrayentes y ricos, que me ponéis en un dilema y no sabría cual escoger.
    ¡Bendito abanico de sabores preside hoy vuestra entrada!
    Felicitaciones y cariños.
    Kasioles

    ResponderEliminar
  3. Madre del amor hermoso como me tientas con tanta cosa rica no sabria por donde empezar me gusta todo y todo uummmmmm.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
  4. A min gústame todiño, reina!!. Pero si teño que elexir, decántome pola empanada (como non)...polos canelons e o biscoito de nabizas...poñeríame xebre jajajaja

    Bicosssssss

    ResponderEliminar
  5. Vou probar os espaguetis teñen unha pinta deliciosa,pero como non me gusta a calabaza vouna suprimr

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha! Os spaguetti están feitos de cabaciña (calabacín) e non levan cabaza, haha! Mais pódelos facer con outra verdura!
      Apertas e grazas por visitarnos!

      Eliminar