martes, 23 de febreiro de 2016

Bolboreteando con... Vero Boquete

Hoxe fáisenos un desexo realidade! Para @s que xa nos coñecedes persoalmente, sabedes que, ademais de moi larpeiros, tamén somos moi futboleir@s, así que hoxe estamos de norabora por contarmos coa mellor futbolista galega e unha das mellores do mundo, Vero Boquete! Ben, para nós, a mellor, desde logo.
Pensabamos que ía ser moi difícil conseguir un anaco de tempo de Vero ao estar nestes momentos en Munic, concentrada na súa tempada co Bayern, mais desde o momento en que llo propuxemos, aceptou encantada poñéndonos todas as facilidades e sendo amabilísima como ides ver na interesante entrevista que deixou con agarimo para tod@s vós.
E a pesar de que pouc@s serán os que aínda non coñezan a esta artista da bóla, imos facer un breve percorrido biográfico ao igual que fixemos con Helena Villar, Rosa Aneiros, Leandro Lamas, Miro Villar, Miguel Borines…
A capitana da selección española de fútbol e primeira nominada española da historia ao Balón de Ouro, naceu un 9 de abril de hai 28 anos na capital galega. A pesar de que adoraba xa o deporte rei desde ben pequena, ten admitido que “non sabía que era posíbel ser futbolista”.
O que era un entretemento xa pasou a ter máis peso na súa vida desde que comezou a súa carreira nas categorías inferiores do Xuventú Aguiño con 14 anos. No 2005 abandona Galiza para se incorporar ás filas do Prainsa Zaragoza, tendo xa oportunidade de competir en Primeira División. Verónica ía descubrindo as súas cualidades para o fútbol ao tempo que o ían apreciando en diferentes equipos da liga. 
Así, após tres tempadas, é fichada polo Espanyol de Barcelona, un dos equipos máis potentes do campionato, que estivo cerca de ganar en dúas ocasións sendo unha das xogadoras máis destacadas. Si logrou por partida dobre a Copa da Raíña. 
Entra 2010 e 2011 tivo un par de exitosas experiencias nos Estados Unidos de América e en Rusia, intercalando unha outra tempada no Espanyol cunha altísima cifra goleadora. En xaneiro de 2012 chega a un club con grandes obxectivos europeos como o Tyresö FC, co que gaña a liga sueca e chega á final da Champions, onde mete un gol. 
Após, desputar uns meses o campionato estadounidense co Portland Thorns FC, dá un paso importante na súa carreira fichando polo FFC Frankfurt, co que alcanza o máximo título a nivel colectivo, a Liga de Campións, consagrándose definitivamente como unha das mellores futbolistas do mundo.
Isto lévaa a incorporarse no pasado mes de maio ao todopoderoso Bayern de Múnic co que tardou catro meses en debutar debido a unha grave lesión. Neste tempo vén sendo ademais, unha fixa na selección española, participando xa en 2004 no Europeo sub19, no cal se fan co título. Desputa ademais a Eurocopa de Suecia 2013 e o Mundial de Canadá 2015. 
Alén de todos estes éxitos profesionais, gustaríanos destacar de Vero a súa capacidade de reivindicación e loita para a igualdade. Alén de ser, como xa vimos a primeira futbolista española en lograr diferentes éxitos, tamén procurou sempre que as xeracións vindeiras tivesen un maior número de oportunidades no fútbol feminino e que este deixase de vivir na tremenda desigualdade que
sempre o caracterizou a respecto do fútbol masculino. Ela foi, por exemplo, unha das impulsoras da aparición da sección feminina no famoso videoxogo FIFA, de EA Sports. Tamén adoita aproveitar entrevistas e aparicións públicas para defender os dereitos das futbolistas e do apoio ás rapazas nas etapas formativas. Vero sabe máis que ninguén das dificultades deste deporte xa que sempre tivo que procurar saídas que lle permitisen desfrutar dunha vida futbolística profesional. E o fútbol foille recompensando todo o seu traballo nos diferentes clubs e na súa carreira alcanzando no ano pasado un patrocinio con Adidads e sacando a súa propia liña de roupa. E aínda son moitos máis os éxitos que merece e que seguro están por chegar.
Deberiamos estar horas para falar sobre Vero mais para iso recomendámosvos a súa biografía, Vero Boquete, la princesa del deporte rey. Deixámosvos mentres, este agasallo en modo de entrevista cunha das máis grandes deportistas que temos. Mil grazas, de novo, Vero e sorte para conseguir todos os teus soños!
  • E xa para nos situar… Vero Boquete gusta da cociña e da gastronomía, ou considéraa máis ben un trámite do día a día?
    • A verdade e que me gusta cociñar sobretodo porque me gusta comer ben. Comer é un placer e so por iso todos deberiamos ter Unha grande motivación por aprender. Pero teño que recoñecer, que moitas veces ca vida que levo de viaxes, adestramentos e demais, pode pasar a ser un trámite do día, que si cho dan feito agradécelo.

  • Aragón, Catalunya, Estados Unidos, Rusia, Suecia e Alemaña. O feito de xogar en varios equipos da elite mundial nestes anos, alén da honra e orgullo deportivo, tamén permite coñecer e desfrutar doutras culturas ben afastadas. En cal destes territorios te tes sentido máis cómoda? 
    • Viaxar e vivir en diferentes sitios enriquece moito e sempre intento empaparme ben das novas culturas e costumes. Si xa dentro de españa temos diferencias imaxina as q hay entre países.. Pero ca diversidade todo mellora. Disfrutei da multiculturalidade americana, da tranquilidade sueca, da perfecta organización alemana e ata da frialdade rusa. O mellor, o noso, como en España en ningún sitio.
  • Gastronomicamente, destacarías algunha cidade para comer ou algún prato en concreto co que quedases namorada?
    • A lista é amplia!! Cheesteak en Philadelphia, trackfood en Portland, guacamole ou sushi en California, caviar ruso, bratwurst ou goulash alemán, albóndigas con salsa de arándanos en Suecia xunto con el "Fika time"(café e torta)... Pero claro, mellorar o pulpo, percebes, empanada, tortilla, xamón, queixo, filloas e o largo etc e misión imposible. 
  • Temos que confesar que sempre nos causa moita curiosidade a alimentación das e dos deportistas de alto nivel, coma Vero. Poderíasnos contar un pouco sobre os hábitos que seguides, en que tipo de produto vos centrades máis, se tedes demasiadas restricións…
    • Pois a verdade e que os deportistas coidamonos bastante, pero cada deporte é diferente co cal algúns teñen que ser mais estrictos que outros. Temos controis físicos é de peso, tamén temos unhas pautas a seguir e o menú cando estamos co equipo está escollido polo medico.. Pero claro, despois cada un na súa casa ten que facer o seu "traballo". Cereais, verduras, legumes e froita e o mais importante, todo cociñado da forma mais sana, sin fritos nin salsas, o forno ou cru as mellores opciones. A Proteína tamén é importante, peixe mellor que carne, e si a proteína é de orixe vexetal moito mellor. Escapar dos productos industriais refinados, dos doces..
  • E canto á creación, gustas de cociñar e preparar as túas propias receitas ou prefires degustar o que outras persoas elaboran para ti?
    • Encántame que cociñen para min, a min conquistaseme polo paladar.. Pero tamén gosto de cociñar, relaxame e faime sentir ben! 
  • Vero Boquete é máis amiga dos pratos principais ou das sobremesas?
    • Eu son mais de prato principal, por algo é o principal!! Non son moi de doces e do resto de postres co cal todos os meus "esforzos" destinanse a comida de verdade. 
  • Xa falaches do marisco e da boa gastronomía galega no vestiario de Múnic? Haha
    • Pois claro!! Tamén as levei a un restaurante de tapas pero xa todas saben q para comer ben teñen q vir a Galicia. 
  • Pasando a outro ámbito; desde a distancia, parece que o fútbol feminino ten unha consideración máis adecuada ao que correspondería en países como Alemaña ou Estados Unidos. A que cres que pode ser debido isto?
    • A educación, a cultura en xeral. A sociedade noutros países e mais igualitaria, en españa sigue sendo machista. A cultura deportiva tamén e diferente nestos países, ainda nos queda camiño q percorrer. 
  • De todas formas, convén resaltar o valor que pode ter para o crecemento e consolidación do fútbol feminino galego, ter unha representante como Vero Boquete triunfando polo mundo adiante e demostrando que non existen deportes de xénero masculino, senón tópicos e prexuízos estabelecidos a respecto do fútbol feminino. Cres que nos últimos anos a mentalidade está mudando, e hai maior liberdade e opcións á hora de as nenas se incorporaren a deportes como o fútbol ou o baloncesto? Suficiente?
    • Estamos nun momento de evolución, é certo q a situación está mellorando e a mentalidade mudando pero imos con atraso e seguimos indo moi lentos. O q si ilusiona e ver q cada vez hai mais nenas q escollen pratcar deporte, e mais nenas q soñan con ser futbolistas. Crear referente era fundamental. 
  • É certo que Galiza vén destacando nos últimos anos por grandes éxitos no fútbol sala feminino co claro exemplo do Burela. Cres que tamén podería ser así no fútbol de aquí a uns anos?
    • Sen dúbida!! Temos canteira chea de talento, agora é o momento de apostar e darlles as condicions necesarias. Galicia sempre foi moi de fútbol sala e de ahí os éxitos. Pero dende hai anos o fútbol femenino galego está en expansión e seguro q poderiamos ser un referente en España. 
  • Que supón para ti a recente entrega dun recoñecemento galego como o da Medalla Castelao?
    • Eu son futbolista, e o fútbol e un deporte colectivo co cal, os meus obxetivos son os colectivos. Agora ben, os recoñecementos individuais chegan cando fas ben o traballo.. E para min, esta medalla Castelao ten mais valor q calquera outro recoñecemento xa q é o da miña Terra, dos meus, e Galicia sempre vai conmigo polo mundo. Ademais, o feito de que unha deportista o consiga provoca respeto, e visibilidade para o fútbol femenino. 
  • Xa para irmos rematando e voltando ao gastronómico… Levando tantos anos fóra da túa terra supoñemos que serán moitas as cousas que botes en falta, mais tamén o noso polbo á feira, empanada ou filloas, non?
    • Pois claro! Por iso o primero q fago o voltar a casa e ir comer un bo polbo, chipirons, empanada.. E cando marcho ou recibo visitas encargome de que non esquezan coisiñas importantes, jeje!
  • Hai que se despedir, porque senón estaríamos aquí horas e horas facéndolle preguntas a Vero, desfrutando de todo o que nos conta; mais claro, non todos os días se pode conversar cunha campioa de Europa. Así pois, acabamos cunha pregunta inevitábel: cal é o prato ao que non te podes resitir?
    • Teño varios e iso é un tormento!! Jeje!! Polbo e lasaña son dos que mais, so de pensar empezo a salivar!!
Mil grazas Vero, pola túa amabilidade e por nos dedicar parte do teu tempo, que sabemos que é do máis valioso. Fica pendente unha receita elaborada pola nosa futbolista preferida para cando haxa vacacións, xa que nestas datas non hai moito tempo entre adestramentos e competicións.
Xa comprobastes que o Bolboreteando de hoxe é moi especial. Non todos os días pasa por Bolboretas no bandullo unha estrela mundial do fútbol. E que orgullosos nos sentimos disto, vaia!
Agardamos que o artigo sirva para dar un pouco máis a coñecer a Vero e os seus intereses gastronómicos, e tamén para contribuír na reivindicación da igualdade en todos os ámbitos da sociedade, e por suposto tamén nun dos sectores máis mediáticos e poderosos como é o futbolístico.
Desexándolle o maior dos éxitos a Vero para sempre e agardando a consecueción de novos títulos, deixámosvos esta nova entrada con toda a ilusión do mundo. De seguro que habedes de encontrar moito de interese nela. Unha fortísima aperta!

                                           image5.JPG

10 comentarios:

  1. Una entrada preciosa! gracias por compartirlo y darnos a conocer a esta fantastica mujer y deportista, biquiños

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas a ti por lernos e por estas palabras tan bonitas!
      Apertas!

      Eliminar
  2. Moitas grazas por esta entrada tan interesante! Moita sorte a Vero nos seus éxitos e a vos por este blogue tan especial e único!

    Rosalía

    ResponderEliminar
  3. Moitos parabéns: con estas entrevistas o blogue acada novas dimensións...

    ResponderEliminar
  4. No conocia a esta deportista como siempre un post fantastico me ha encantado conocer a Vero Boquete.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Canto nos alegramos! Este é un dos obxectivos do blogue e, en concreto, desta sección, dar a coñecer parte da nosa cultura e identidade e das persoas que forman parte dela!
      Un bico enorme!

      Eliminar
  5. Vero podrá ser una enamorada del fútbol, podrá ser una campeona reconocida por distintos países, pero no deja de ser una gallega de pies a cabeza y no olvida a su tierra.
    Podrá ir a Suecia y degustar esas ricas albóndigas, podrá saborear ese exquisito caviar ruso, pero... ¿Cómo olvidar nuestros espectaculares manjares?
    Yo también estoy de acuerdo con ella que nada podrá igualar a nuestro pulpo a feira, las empanadas de bacalao, zamburiñas, carne, en fin, nuestras verduras que regadas por esa lluvia fina y constante que nos regala Galicia, hacen que su gastronomía sea única e inolvidable.
    Deseo muchos más éxitos para Vero y, para vosotros, os doy las gracias por traerla a vuestro espacio, no tenía ni idea de que esta gran futbolista era gallega.
    Cariños para compartir.
    kasioles

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Estamos de acordo contigo, a nosa gastronomía é a mellor!!
      Moitísimas grazas a ti por estar sempre aí!!
      Mandámosche unha aperta enorme!!

      Eliminar