sábado, 19 de setembro de 2015

Costela asada ás especias

Aínda que agora andamos un pouco atafegados co inicio do curso e a preparación de oposicións, comer hai que comer sempre, e por tanto, aproveitamos para presentamos algúns dos pratos novos que imos preparando. E o de hoxe é un bo exemplo. Fomos á carnizaría por un pouco de costela e pensamos en como a preparar para variar un pouco, sen tampouco nos complicar demasiado. Ademais, despois fixámonos que non tiñamos aínda ningunha receita de costela no blogue, coa de pratazos que se poden facer con ela. Principalmente o mítico churrasco, claro, haha.
O que procuramos con esta receita foi darlle un sabor intenso á carne, sobre todo a especias, algo moi relevante na cociña, e do que nós gustamos bastante. Desde logo, neste prato resultan claves. Abonda con ver os ingredientes... Aínda que tamén xogan un papel decisivo o mel, o ron, o allo... Unha moi boa combinación que vos ha de agradar. Con seguridade.

Costela asada ás especias

Ingredientes (para 4 persoas):
  • 900 gr de costela fresca
  • 10-12 dentes de allo
  • 2 vasos de viño branco
  • 3-4 culleradas de aceite de oliva
  • 2 culleradas de ron/brandy
  • 2 culleriñas de pemento doce
  • 1 culleriña de ourego
  • 1/2 culleriña de romeu
  • 1/2 culleriña de eneldo
  • 1/2 culleriña de alfábega
  • 1/2 culleriña de estragón
  • 1 culleriña de mel
  • 1 chile
  • Pementa moída
  • Sal
Utensilios: picadora (ou morteiro), papel transparente e unha fonte apta para forno.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de preparar o mollo co que imos adobar a carne. Botamos na picadora os dentes de allo, o pemento doce, o ourego, o romeu, o eneldo, a alfábega, o estragón, o mel, o chile, a pementa moída e o sal ao gusto. Tritruamos moi ben. 


Colocamos a costela nunha fonte cortada en anacos e engadímoslle o mollo. Mesturamos ben. 


Engadimos o viño e o ron e tapamos a fonte con papel transparente e refrixeramos durante 2-3 horas para que a carne se impregne do sabor do mollo. 


Pasado ese tempo, enfornamos a 190º-200º, calor arriba e abaixo, durante 45-50 ou até que vexamos que a carne está feita. Lembrade que a metade da cocción terémoslle que dar a volta para que se faga igual polos dous lados. Servimos acompañada de patacas fritidas, asadas (por exemplo estas patacas cajún, como fixemos nós), pan, ensalada, arroz ou o que máis vos apeteza ;) Que aproveite!


Xa vedes que resulta moi sinxela de elaborar e é un prato de sabor, moito sabor. De feito, nós normalmente non comemos moitos cachos de costela, e desta volta, parece que houbo algo aí que nos chamaba a coller unha e outra vez, haha.
Non só é boa a apariencia, a degustación seravos mellor, moito mellor. Agardamos que non tardedes moito en preparala e que a desfrutedes como merece. Pasade moi boa fin de semana. Unha forte aperta!!

4 comentarios:

  1. que rica y aromatica! en casa nos gusta muscho la costilla al horno, la proxima vez la haré aso tiene que estar de vicio, bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que ben!! Pois mándanos unha foto para vermos o resultado!!
      Apertas!!

      Eliminar
  2. Aiii qué ben! Teño a metade do menú da fin de semana resolto! Qué pintaza teñen!

    Graciñas, chicos! Sodes uns cracks! ;)

    Apertas e bicos!

    Yoly

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois xa nos dirás que tal, e podes mandar algunha foto tamén!!
      Apertas!!

      Eliminar