martes, 9 de xuño de 2015

Espárragos verdes gratinados con mozzarella

Xa andamos por aquí unha vez máis. Como podedes comprobar, no último mes incrementáronse as receitas saudábeis o que demostra que a chegada do verán adoita propiciar que melloremos a nosa alimentación xa que apetecen produtos algo máis lixeiros.
E como ultimamente lle collimos moito gusto aos espárragos verdes, decidimos preparar unha receita en que eles fosen os protagonistas. Unha receita saudábel, nutritiva mais á que non lle podía faltar sabor ningún, de aí a  presenza do queixo e as especias.
Este prato serve tanto como acompañante como principal así que coidamos que a podedes aproveitar tanto para unha cea nun día do verán que se aproxima como para un acompañamento nunha comida especial. Se non vos animábades até agora a probar esta nutritiva verdura, agora é o momento, seguindo uns pasos o máis sinxelos posíbeis. Aí vai:

Espárragos verdes gratinados con mozzarella


Ingredientes:
  • Unha presa de espárragos verdes
  • Mozzarella
  • Aceite
  • Pementa moída
  • Noz moscada
  • Sal

Utensilios: fonte apta para forno.

Elaboración: 

Para comezarmos, limpamos ben os espárragos e quitámoslles a parte do final, a máis grosa do talo e colocámolos sobre unha fonte. 


De seguir, botamos sal e pementa, ao noso gusto, e unha cullerada de aceite. 


Logo, engadimos a mozzarella e empoamos coa noz moscada. A cantidade de mozzarella vai ao gusto de cadaquén; nós utilizamos, aproximadamente, media bóla, aínda que tamén podedes utilizar a mozzarella relada. 


Enfornamos a 200º, co gratinador, até que o queixo se funda e se doure un chisco, aproximadamente 7 minutos. 


E xa estarían preparados para comer! Podémolos utilizar como acompañamento a unha carne ou un peixe á prancha; ou podemos preparar desta mesma forma unhas lascas de tomate ou outras verduras e facer unha comida totalmente vexetariana. 


Xa vedes con que poucos elementos e con que pouco traballo podemos dar cun óptimo prato. Ideal para @s seguidores das verduras, mais tamén para @s que as queren ir introducindo na súa dieta progresivamente. De seguro que esta é unha boa forma de comezar. E se xusto os espárragos verdes non son moito do voso agrado, sempre vos quedará mudalos por outra verdura que vos praza. Moi moi recomendábel! Oxalá vos agrade. Unha fortísima aperta bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmmmm cosa mas rica sabes que te digo que asi solos me los como tranquielamente , no necesito nada mas de acompañamiento seguro que estan de rexupete no lo siguiente tengo que probar hacerlos en le microondas que aqui hace mucha calor para encender el horno y para la cena me parecen ideales.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, para comer así son perfectos!! E seguro que no microndas se fan igual, xa nos contaras!
      Moitas grazas por comentar!!
      Bicos

      Eliminar