sábado, 28 de febreiro de 2015

Canelóns recheos de polbo á mugardesa con salsa de queixo

Recordades os versos dos que tiramos o nome do noso blogue, "non podo vivir sen voar, quero bolboretas no bandullo", da nosa xenial poeta Rosalía Fernández Rial? Pois de vez en cando, lembrámonos deles e pomos a imaxinación a voar para lograr esas bolboretas no bandullo que tanto nos agradan.
Desta vez, tiñamos un polbo co que traballar mais non nos chegaba para unha cea de catro persoas como a  que tiñamos nesa noite así que puxémonos a pensar na mellor forma de o aproveitar para lograr un prato completo, que dese para ninguén ficar con fame. E así matinamos na posibilidade de facer canelóns de polbo, que posteriormente descubrimos que tivera elaborado exitosamente, coa cabeza do cefalópodo, Viví Taboada en Ó carón da lareira . 
Procuramos pois que o polbo dese un toque especial aos canelóns, e por iso decicimos acompañalo dun rustrido típico do polbo á mugardesa. Ademais, debía levar unha salsa, que sempre se agradece para este tipo de produtos e que mellor que tendo como base un queixo do país?! Así aproveitámonos dun produto italiano, hoxe en día moi valorado tamén en Catalunya, para o adaptar á nosa gastronomía, desfrutándomos duns canelóns absolutamente galegos. Aí vos van:

Canelóns recheos de polbo á mugardesa con salsa de queixo

Ingredientes (para 4 persoas):

Para os canelóns:
  • 16 canelóns
  • 1/2 polbo mediano
  • 50 gr de queixo Arzúa-Ulloa
  • 1 cebola grande
  • 2-3 dentes de allo
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 2 culleradas de aceite
Para a salsa de queixo:
  • 200 ml de nata
  • 100 ml de leite
  • 150 gr de queixo Arzúa-Ulloa
  • 20 gr de manteiga
  • 3 culleradas de fariña
  • 1 cullerada de mostaza
  • Pementa moída

Utensilios: cazo, tixola, batedor manual, culler de pau, papel absorbente e unha ou dúas fontes aptas para microndas.

Elaboración: 

Para comezarmos con esta receita, o que primeiro debemos facer é cocer o polbo (receita aquí). Deixamos que arrefríe un pouco e picámolo finamente. Reservamos. 


A continuación, preparamos os canelóns segundo as intrucións do paquete (nós tivemos que sumexir as pracas en auga morma durante 20 minutos). Despois, colocámolas sobre papel absorbente para que secaran. Reservamos.


De seguir, picamos finamente os dentes de allo e a cebola e rustrímolos nunha tixola con dúas culleradas de aceite. 



Cando estean ben rustridas, engadimos o polbo picado e mesturamos ben.



Engadimos o viño branco e deixamos que se evapore. 

Por último, botamos o queixo e mesturamos moi ben. Rerservamos até que arrefríe un pouco o recheo para non queimar as mans ao montar os canelóns.  


Cando estea morno, colocamos sobre un lado dunha praca de canelón un pouco da mestura e, coa axuda das mans, enrolamos, comezando polo lado que ten o recheo para que queden ben selados. Colocámolos sobre a fonte en que os imos cociñar, podemos pór un pouco de salsa ou aceite no fondo para evitar que se peguen durante a cocción. 


Para facermos a salsa de queixo, temos que derreter a manteiga nun cazo. 


Cando estea derretida, engadímos as culleradas de fariña e mesturamos ben. 


Engadímos o leite e a nata sen parar de remexer. 



Cando a fariña se mesture completamente co leite e a nata e non queden bolos, engadimos o queixo troceado. Tamén engadimos a pementa moída e a cullerada de mostaza. Mesturamos moi ben até que se derreta o queixo. Se vedes que queda moi espesa, podedes engadir un pouco máis de leite. 



Botamos a salsa sobre os canelóns e enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos. 



E xa estarían preparados para comer! Xa sabedes que ás veces é difícil de tirar, nunha foto, a verdadeira calidade do prato, e este era un deses casos. Agardamos que vos poidades facer unha idea do saboroso deste prato polas nosas palabras e polas fotos, mais de seguro, que a mellor forma de o comprobardes é elaborándoo. De verdade, que é unha das receitas das que nos sentimos máis orgullosos até o momento porque a consideramos orixinal e perfectamente saborosa. Xa sabedes, en calquera ocasión que vos sobre un pouco de polbo que cozades, pois tedes aquí unha elegante forma de o aproveitar. Namorarávos esta forma diferente de degustar o polbo.
Agardamos que desfrutedes da fin de semana. Bo sábado :-)

6 comentarios:

  1. Seguro no segurisimoooooooo que esos canelones estan de muerte relenta , las fotos del paso a paso lo dicen todo te han quedado de relujo.
    Bicos mil y feliz domingo wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas!!! A verdade é que estaban deliciosos, haha!
      Bicos e feliz semana!

      Eliminar
  2. ¡¡Aiiiiiii o Polbo á Mugardesa e inda encima en canelóns!! Góstame todo moitísimo... pero teño debilidade polo polbo así preparado porque o fermoso povo mariñeiro de Mugardos o teño tan cerquiña que difruto moitísimo del, sobor de todo no verano, que podemos acercarnos en lancha e é un paseo moi fermoso pola miña Ría ferrolana da alma.

    ¡Un bico e unha aperta grandes!

    Yoly

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, a verdade é que o polbo así está delicioso e en canelóns aínda me gusta máis! Xa que a pasta e o polbo son dous dos meus pratos preferidos, dos moitos que teño, hahaha!
      Ese paseo soa moi apetecíbel, eu apúntome cando queiras, hahaha!!
      Unha aperta!

      Eliminar