Recordades os versos dos que tiramos o nome do noso blogue, "non podo vivir sen voar, quero bolboretas no bandullo", da nosa xenial poeta Rosalía Fernández Rial? Pois de vez en cando, lembrámonos deles e pomos a imaxinación a voar para lograr esas bolboretas no bandullo que tanto nos agradan.
Desta vez, tiñamos un polbo co que traballar mais non nos chegaba para unha cea de catro persoas como a que tiñamos nesa noite así que puxémonos a pensar na mellor forma de o aproveitar para lograr un prato completo, que dese para ninguén ficar con fame. E así matinamos na posibilidade de facer canelóns de polbo, que posteriormente descubrimos que tivera elaborado exitosamente, coa cabeza do cefalópodo, Viví Taboada en Ó carón da lareira .
Procuramos pois que o polbo dese un toque especial aos canelóns, e por iso decicimos acompañalo dun rustrido típico do polbo á mugardesa. Ademais, debía levar unha salsa, que sempre se agradece para este tipo de produtos e que mellor que tendo como base un queixo do país?! Así aproveitámonos dun produto italiano, hoxe en día moi valorado tamén en Catalunya, para o adaptar á nosa gastronomía, desfrutándomos duns canelóns absolutamente galegos. Aí vos van:
Canelóns recheos de polbo á mugardesa con salsa de queixo
Ingredientes (para 4 persoas):
- 16 canelóns
- 1/2 polbo mediano
- 50 gr de queixo Arzúa-Ulloa
- 1 cebola grande
- 2-3 dentes de allo
- 1/2 vaso de viño branco
- 2 culleradas de aceite
Para a salsa de queixo:
- 200 ml de nata
- 100 ml de leite
- 150 gr de queixo Arzúa-Ulloa
- 20 gr de manteiga