martes, 20 de xaneiro de 2015

Tortas galesas

Unha nova receita, tamén especial por ser a que levamos a cabo para as premiadas no sorteo con motivo do primeiro aniversario do blogue. 
Prometimos enviar unhas galletas saborosas e cremos que así foi. Iso si, tamén queriamos que foran diferentes ás traídas até agora a este caderno dixital así que pensamos nestas bolachas que non son moi coñecidas por aquí, mais que triunfan en Gran Bretaña desde hai moitos anos. Con todo, mudamos algúns elementos da receita tradicional, e así, por exemplo, decidimos enfornalas no lugar de pasalas pola tixola. Iso si, probamos as dúas opcións claro. Mais como a que nos convenceu máis, con diferenza, foi a do forno, pois quedamos con ela. Pasándoas pola tixola fanse un pouco máis graxentas e dan algún que outro problemiña para lles dar a volta.
Con todo, é cuestión de que cada un/ha probe e escolla a súa versión preferida. A nós desde logo encantáronnos. E polo que contaron Ás votlas coa moda e Orballo parece que a elas tamén lles gustaron. Estas foron algunhas das súas palabras:

- Ás voltas coa moda: "Que riquísimas e onde van xa!! Un millón de grazas de novo"
-Orballo: "As galletas de @bolbonobandullo chegaron e estaban riquísimas! MIL GRAZAS"

Aproveitamos para lles agradecer unha vez máis a súa participación, ao igual que tod@s aqueles que non ganastes, e deixámosvos aquí a ligazón aos seus blogues. Cadernos ben fermosos polos que merece moito a pena pasarmos diariamente. Adoramos os dous, ben diferentes e ben necesarios:



Tortas galesas (welsh cookies)

Ingredientes:
  • 200 gr de fariña de trigo, máis extra
  • 100 gr de manteiga
  • 75 gr de azucre
  • 75 gr de chocolate
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 ovo grande


Utensilios: unha cunca, unha espátula, cortapastas, papel vexetal e unha bandexa de forno (ou tixola).




Elaboración:

Para comezarmos temos de mesturar a fariña, o lévedo e a manteiga até formar migas.











De seguido, agregamos o azucre.


A continuación, botamos o ovo batido e o chocolate picado finamente e mesturamos ben, temos de conseguir unha masa homoxénea e que se poda traballar sen que rompa. Pode ser que teñamos que engadir un pouco de leite, se queda moi dura, ou unha pouca máis de fariña, se queda moi branda.











Estendemos a masa nunha superficie enfariñada, ou sobre papel vexetal e dámoslles a forma que máis nos guste, nós, neste caso, fixémolas redondas. 


Agora temos dúas opcións, ou fritilas en manteiga, con moito coidado para que non rompan; ou no forno, que é como as fixemos nós, a 180º (debe estar prequente), calor arriba e abaixo, durante 12-15 minutos. 










Deixamos que se templen un pouquiño e xa estarían listas para comer! 


Aquí quedan pois estas nosas tortas galesas denominadas en inglés welsh cakes, welsh cookies ou bakestones. Nós non tiñamos noz moscada cando as fixemos, mais podedes probar con ela xa que dá un toque especial. Sexa como for, animádevos a facer estas larpeiradas que sempre son agradábeis de elaborar por iso de meter as mans na masa e probar novos produtos. Adiante con elas. Unha aperta lambereteir@s!

6 comentarios:

  1. Con lo lambona que soy esta receta es super facilita para ponerla en práctica el fin de semana que tengo más tiempo!! tienen un pinta riquísima! Os mantendré informados si me meto entre fogones jeje :) besiños!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas!! Si, é moi sinxela e hache de gustar moito o sabor. E sempre lle podes dar o teu toque persoal :-) bicos

      Eliminar
  2. Que delicia! E dígoo con coñecemento de causa! Agora tócame a min facela! ;) Bicoos!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Alegrámonos de que che gustaran ;) Esperamos impacientemente polas fotos co resultado (aínda que se queres mandar algunha... haha).
      Apertas!!

      Eliminar
  3. ¡Deliciosa proposta, coma sempre, Diana!

    Non probéi nunca estas Galesas máis teño lido sobor delas ¡e non me cabe a menor dúbida de que estarán boísimas! ¡Teñen unha pintaza estupenda!

    ¡Parabéns polo voso primeiro aniversario! ¡E que sexan moitos, moitísimos máis!

    ¡Bicos e apertas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas, esperemos lernos por aquí durante moitos anos, haha!
      Unha aperta!

      Eliminar