mércores, 23 de xullo de 2014

Marabillas de melón

Parece que está asentando un pouco a calor na Galiza, aínda que coa impresibilidade característica de aquí, e por iso optamos por facer desta volta unha sobremesa moi fresca e lixeira, baseada nunha das froitas que máis apetece comer en verán, o melón. Había convidados para cear e xa que traían a cea, era obrigado pór a sobremesa, así que decidimos innovar e crear algo diferente. Así pois, estas marabillas de melón, son unha nova idea que, a verdade, nos encantou como quedou.


Marabillas de melón

Ingredientes:
  • 2 láminas de follado
  • 1/2 melón
  • 4 ovos
  • 70 gr de azucre
  • 70 gr  de fariña de millo
  • Manteiga para os moldes
  • Azucre glas para a decoración
Elaboración:

Para comezarmos, temos de preparar o follado. Estendemos as dúas láminas e cortamos círculos coa axuda dun cortador ou dun vaso. Agora temos dúas opcións, colocálos directamente nun papel de forno ou poñelos en moldes. Nós, neste caso, utilizamos os moldes, polo que precisamos pintalos coa manteiga. Pinchamos a masa coa axuda dun garfo e pintamos co ovo batido. Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, até que se doure o follado, aproximadamente 20 min e deixamos arrefriar.  







 Mentres preparamos a crema de melón. Para iso temos de triturar o melón e botalo nun cazo. Engadímoslle 3 ovos, a fariña e o azucre e quentamos a lume medio, sen deixar de mover, até que espese. Deixamos arrefriar. 



Abrimos as bolas de follado ao  medio e, coa axuda dunha manga pasteleira, reenchemos coa crema de melón. Por último, colocamos os nosos pasteis nunha fonte e botámolles o azucre glas. 


 Refrixeramos 2 horas, como mínimo, e listos para comer!! 


Xa vedes a pinta non? Son unha verdadeira delicia que destaca pola súa dozura suave, frescor e lixeireza. É un sabor con similudes á crema pasteleira tradicional, mais onde destaca esa frescura característica do melón que a algunhas tanto nos gusta. Ao seren tan pouco pesados e estaren tan bos, tede en conta que hai a posibilidade de que desaparezan nun abrir e pechar de ollos, así que podedes facer un bo número deles sen medo a que pasen mal ;-) Desfrutade do mércores e atrevédevos con estas riquísimas marabillas de melón!

4 comentarios:

  1. Que idea máis boa, encántanme! E co que me gusta a min o follado, mhhh...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que están deliciosos e son perfectos para este tempo porque son moi lixeiros!
      Moitas grazas polo teu comentario e unha aperta!

      Eliminar
  2. No dejas de sorprenderme xiquilla seguro que estos pastelitos rellenos de esa crema de melon son una delicia no hay mas que ver las fotos del paso a paso y el resultado final.
    Bicos mil y feliz finde wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas polas túas palabras! Alégrome moito de que che gusten as receitas!
      Feliz semana :D

      Eliminar